O BNG reclama investimentos urxentes para mellorar os centros educativos de Burela

AMariñaXa
A formación nacionalista denuncia deficiencias nas instalacións, problemas de accesibilidade e falta de persoal especializado para atender a diversidade
bng-comunidade-educativa-burela
11 May 2026

O estado dos centros educativos de Burela volve situarse no centro do debate político tras as mobilizacións realizadas nas últimas semanas no CEIP Vista Alegre, onde a comunidade educativa leva concentrándose para reclamar unha rehabilitación integral das instalacións debido ás numerosas carencias detectadas no edificio.

Desde o BNG de Burela consideran que a situación non é un caso illado, senón un reflexo do deterioro que presentan distintos colexios da vila como consecuencia do paso dos anos e da falta de actuacións de calado. O voceiro municipal da formación, Mario Pillado, asegurou que os centros educativos do municipio “precisan investimentos e máis persoal” para adaptarse ás necesidades actuais.

Segundo explicou, moitos destes edificios presentan problemas relacionados coa accesibilidade e coa eficiencia enerxética, cuestións que, ao seu xuízo, deberían ser prioritarias dentro das políticas educativas. Pillado tamén criticou que, malia os anuncios de investimentos realizados pola Consellería de Educación para a provincia e para a comarca, “non se perciben actuacións importantes en Burela”, onde considera que existen necesidades urxentes.

Ademais do estado das infraestruturas, o BNG puxo o foco na falta de profesionais especializados para atender a diversidade existente nos centros educativos da vila. Desde a formación sinalan que esta é unha preocupación recorrente trasladada tanto polas direccións dos colexios como polas familias.

Mario Pillado destacou que a diversidade “debe entenderse como unha oportunidade e unha riqueza”, aínda que lamentou a ausencia de coordinación e resposta por parte das administracións para afrontar esta realidade. Neste sentido, explicou que levan máis de dous anos agardando por unha reunión coa dirección territorial de Educación sen obter resposta.

Ante esta situación, o grupo nacionalista anunciou que solicitará un encontro coa Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación para trasladar directamente as problemáticas detectadas nos centros de ensino de Burela. Na reunión participarán, segundo indicaron, tanto o propio voceiro do BNG e concelleiro de Educación como a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade.

0.11758899688721