O BNG reclama en Viveiro infraestruturas dignas para A Mariña e compromisos reais das administracións

O Bloque Nacionalista Galego celebrou en Viveiro un acto aberto á veciñanza baixo o lema “Viveiro e A Mariña merecen máis”, no que puxo o foco no déficit histórico de infraestruturas que sofre a comarca e na falta de respostas efectivas por parte da Xunta de Galicia e do Goberno do Estado. A formación nacionalista reclamou planificación, investimentos e prazos concretos para garantir a mobilidade, a seguranza viaria e o desenvolvemento económico da Mariña.
No encontro participaron Seve Salgueiro, concelleiro do BNG en Viveiro; Iria Cotelo, portavoz municipal; Daniel Castro, deputado no Parlamento de Galicia; e Néstor Rego, deputado no Congreso. Todos coincidiron en sinalar que a situación actual é consecuencia de décadas de promesas incumpridas e decisións políticas que relegaron a comarca a un segundo plano.
Durante a súa intervención, Daniel Castro criticou duramente a falta de avances na denominada VAC Costa Norte, unha infraestrutura anunciada desde hai máis de dúas décadas. O deputado parlamentario cualificou de insuficiente e enganosa a proposta actual do Partido Popular, que reduce o proxecto a un tramo limitado e con características propias dunha estrada convencional. Segundo explicou, esta solución non resolve os problemas de seguridade nin responde ás necesidades reais de mobilidade dunha comarca dispersa e con forte actividade económica.
Castro defendeu a necesidade dunha verdadeira vía de alta capacidade, continua e con prestacións axeitadas, que contribúa a fixar poboación, mellorar as comunicacións internas e favorecer novas oportunidades de crecemento para A Mariña.
Pola súa banda, Néstor Rego centrou a súa intervención na autovía A-74 entre Barreiros e San Cibrao, unha infraestrutura pendente que permitiría dar continuidade á A-8 ao longo de máis de trinta quilómetros e aliviar o tráfico da N-642. O deputado no Congreso lembrou as iniciativas presentadas polo BNG nas Cortes do Estado para impulsar esta autovía e subliñou a súa importancia estratéxica para conectar a comarca cun enclave clave como o porto de San Cibrao.
Rego reclamou ao Executivo estatal unha folla de ruta clara e prazos definidos para esta obra, tendo en conta —dixo— a singularidade da Mariña e o seu peso industrial. Tamén advertiu de que nin os gobernos do PP nin os do PSOE foron quen de executar esta infraestrutura, asegurando que o BNG manterá a presión política para facela realidade.
O deputado nacionalista puxo ademais sobre a mesa a necesidade de crear unha Autoridade Portuaria propia en San Cibrao, independente da de Ferrol, así como de abrir ao tráfico comercial o dique norte de Morás. Segundo explicou, estas medidas permitirían optimizar a xestión portuaria e converter o porto nun motor económico clave para a comarca, especialmente nun contexto de incerteza industrial.
Como peche do acto, Néstor Rego destacou algúns dos avances logrados polo BNG a través da súa presenza institucional, como a implantación dos servizos de proximidade ferroviaria en Galiza, recollidos na Lei de Mobilidade. Segundo indicou, A Mariña beneficiarase dunha mellora das conexións por vía de ancho métrico, con máis frecuencias e horarios adaptados ás necesidades do territorio.