O BNG reclama ao Goberno garantir a continuidade de Alcoa
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, leva a debate na Comisión de Industria do Congreso, que terá lugar na próxima semana, unha iniciativa en que se insta o Executivo español a abordar a intervención pública de Alcoa e outras medidas para asegurar a actividade da planta na Mariña e os postos de traballo despois da ameaza da dirección de fechamento
O deputado do BNG alerta o Goberno sobre o anuncio, que considera unha ameaza de fechamento da actividade da planta de San Cibrao, feito recentemente pola dirección de Alcoa. “Un anuncio que parece confirmar a intención da empresa de desfacerse da factoría” como xa fixo nas plantas de Avilés e A Coruña. Rego advirte das nefastas consecuencias que isto traería para a economía da comarca da Mariña, pois desta industria dependen millares de postos de traballo directos e indirectos.
Néstor Rego afirma que, se se confirmar esta ameaza, o Goberno español debe apostar pola nacionalización da factoría. “Nin o marco normativo galego, nin o do Estado, nin o da UE, impiden a intervención pública desta industria estratéxica” e mesmo hai pronunciamentos do Congreso neste sentido. Ademais, acaba de intervir en Telefónica para evitar o seu control por capital saudí. “A intervención, mesmo que for temporal para despois buscar un operador cun proxecto industrial fiábel e de continuidade, é un mecanismo que o Goberno debe estar disposto a activar”, asegura.
A dirección de Alcoa “xoga co acordo”
Lembra Rego que o acordo asinado en decembro de 2021 implicaba o cesamento temporal da produción coa condición de manter os postos de traballo cando se reiniciase a actividade dous anos despois (xaneiro de 2024), ademais de melloras na planta. Chegou o ano 2023 e Alcoa propuxo ampliar os prazos para o arranque, un retraso que foi aceptado polo persoal de xeito que a reanudación total da actividade será en 2025.
Mais, lamenta, “Alcoa volve a cuestionar o futuro da planta e por riba reclama unha nova modificación do acordo. A empresa debe cumprir cos compromisos asinados, en especial, a execución dos investimentos para a construción do forno de ánodos e a ampliación á cota 104 da DBR antes do 1 de xuño”, afirma Rego, que considera que a reacción da compañía é fixar posición de cara a convocatoria da mesa de seguimento prevista para o 4 de abril.
Así as cousas, o deputado do BNG defenderá na Comisión de Industria a adopción de medidas urxentes por parte das distintas administracións para garantir a continuidade da factoría e dos empregos. Neste sentido, empraza ao Executivo a actuar sobre os altos custos da enerxía eléctrica. Unha medida, puntualiza, sería a posta en marcha dunha Tarifa Eléctrica Galega de xeito que “puidésemos regular un marco enerxético propio en que o custo da enerxía fose menor tanto para industrias como consumidores”.
Ademais, reclama a reforma do Estatuto do Consumidor Electrointensivo “a comezar pola creación da figura das Empresas Hiper Electrointensivas, asegurando que se garanta a máxima compensación por CO2 permitida pola UE” así como axilizar a efectividade das PPAs subscritas pola empresa, entre outras medidas.
O BNG entende que se debe aproveitar a compra do 100 % de Alúmina por parte de Alcoa para que o Goberno do Estado español, conxuntamente coa Xunta de Galicia, fiscalicen o proceso e busquen unha formula de intervención, na porcentaxe necesaria no consello de administración, que garanta a continuidade do emprego en San Cibrao, incluíndo o das auxiliares, como xa se ten feito noutras empresas como Telefónica ou Celsa Atlantic.
En todo o caso, Rego reclama ao Goberno que, se for necesario, activer a intervención pública de Alcoa para garantir a continuidade da actividade e o mantemento de todos os postos de traballo na Mariña.