O BNG reclama ao Goberno e á Xunta intervir Alcoa para garantir o emprego
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, criticou a falta de compromiso do Goberno español respecto da posibilidade de intervención pública na fábrica de Alcoa na Mariña. Desde o BNG, instan á secretaria de Estado de Industria, Rebeca Torró, a que o Goberno do Estado e a Xunta de Galiza “teñan a total disposición para a intervención pública” que permita garantir a continuidade dos postos de traballo e a actividade industrial nun sector estratéxico tanto para a Mariña como para o resto do Estado, tal e como aconteceu noutros casos recentes como Telefónica ou Celsa.
Nos últimos cinco anos, o BNG levou en numerosas ocasións a situación de Alcoa ao Congreso co obxectivo de asegurar a continuidade da planta e o mantemento do emprego. “Levamos moito tempo advertindo desta situación de crise. O aluminio é un sector estratéxico para Galiza e Alcoa é a única planta de aluminio primario que queda no Estado”, destacou Rego na súa intervención dirixida á secretaria de Estado de Industria.
En relación co incumprimento por parte de Alcoa do acordo asinado co cadro de persoal, Rego lamenta que “nin o Goberno español nin a Xunta de Galiza estean a exercer a súa responsabilidade de vixiar para que a empresa cumpra o pactado”. O deputado nacionalista lembrou que Alcoa, tras diversos cambios na súa planificación, pechou recentemente un acordo con Ignis por 100 millóns de euros, xerando aínda máis incerteza sobre o futuro da planta. “O Goberno e a Xunta están prolongando esta incerteza, polo que desde o BNG reclamamos unha disposición total por parte de ambas as administracións para unha intervención pública que garanta o futuro da planta”, subliñou.
Rego recordou tamén que non sería a primeira vez que o Goberno aposta pola intervención pública en empresas estratéxicas: “Casos recentes como o de Telefónica ou o de Celsa demostran que é posible actuar cando hai vontade política”. Para o deputado nacionalista, Alcoa é fundamental non só para a comarca da Mariña, senón para todo o país, e insisten en que é imprescindible actuar con decisión.
A resposta da secretaria de Estado de Industria foi considerada insatisfactoria por parte do BNG, ao limitarse a sinalar que se están a explorar diferentes ferramentas e solucións en consenso con empresa, traballadores e administracións. “Estamos descridos de solucións que xa se puxeron enriba da mesa no pasado e que non conseguiron garantir nin a continuidade da actividade nin dos postos de traballo”, recriminou Rego.
Ante a falta de compromiso e posición clara por parte do Goberno, o deputado nacionalista lamentou que non se contemple unha intervención pública para Alcoa, tal como aconteceu noutros casos similares, e comprometeuse a seguir traballando desde o BNG para centrar todos os esforzos no mantemento do emprego e da actividade industrial na Mariña.