O BNG propón un estudo sobre a vivenda e un rexistro das VUT para analizar o impacto do turismo en Ribadeo

O Grupo Municipal do BNG de Ribadeo defenderá no vindeiro pleno unha moción na que solicita ao goberno local a elaboración, nun prazo máximo de seis meses, dun estudo diagnóstico sobre a situación da vivenda no municipio, acompañado da creación dun rexistro das Vivendas de Uso Turístico (VUT). O obxectivo, segundo a formación, é contar con información detallada que permita adoptar decisións baseadas en datos sobre a evolución do mercado residencial.
Os nacionalistas consideran que a crecente dificultade para acceder a unha vivenda en alugueiro estable e a prezos accesibles converteuse nun dos principais retos do municipio. Ao seu xuízo, esta situación repercute especialmente na mocidade que pretende emanciparse, nas familias e tamén nos profesionais que chegan a Ribadeo para traballar tanto nos servizos públicos como na empresa privada.
Como exemplo desta evolución, o BNG lembra que, segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), a capacidade das Vivendas de Uso Turístico pasou de 221 prazas en 2018 a 1.449 en 2025, multiplicándose por máis de seis nun período de pouco máis de seis anos. Na actualidade, este tipo de aloxamentos representa xa preto da metade da oferta turística existente no concello.
O portavoz municipal, Martín Graña, defende que o turismo constitúe un importante motor económico para Ribadeo, pero advirte de que un crecemento sen planificación pode ter consecuencias sobre o mercado da vivenda, especialmente no núcleo urbano, ao reducir a oferta de alugueiro residencial.
A proposta presentada polo BNG aposta por elaborar un informe que analice aspectos como a evolución dos prezos do alugueiro, o número de vivendas baleiras, a distribución territorial das VUT, a capacidade residencial de cada zona, o perfil dos propietarios deste tipo de aloxamentos e a súa relación coa oferta hoteleira tradicional.
Unha vez completado o estudo, a formación tamén propón constituír un Consello Asesor integrado por representantes dos sectores económicos, sociais e veciñais para avaliar as conclusións e determinar se resulta necesario elaborar unha ordenanza municipal que regule esta actividade.
Martín Graña sostén que as administracións deben situar a política de vivenda entre as súas prioridades e considera que o Concello debe afrontar esta problemática con planificación e criterios técnicos. O portavoz nacionalista asegura que esta moción constitúe a primeira dunha serie de iniciativas coas que o seu grupo pretende avanzar cara a un equilibrio entre o desenvolvemento turístico e a protección do acceso á vivenda para a veciñanza.