O BNG propón rexistrar marcas municipais para impulsar a promoción de O Vicedo

No pleno ordinario que se celebra este mércores, o BNG presentará unha proposta para que o Concello de O Vicedo inicie os trámites administrativos necesarios para deseñar e rexistrar oficialmente marcas que identifiquen servizos, actividades e produtos relacionados coa promoción do municipio. Ademais, solicitan que estas marcas se inscriban na Oficina Española de Patentes e Marcas (OEPM) nas categorías correspondentes, como turismo, eventos e publicidade, co obxectivo de garantir a protección xurídica da propiedade industrial local.
Segundo o portavoz municipal do BNG, Miguel Fraga, “O concello de O Vicedo conta cunha riqueza patrimonial, cultural e humana que constitúe un activo fundamental para o seu desenvolvemento. A proxección exterior e a posta en valor dos nosos recursos require dunha imaxe definida e recoñecible que nos diferencie e protexa os nosos intereses”. Neste sentido, os nacionalistas propoñen tamén a creación dun selo de calidade que profesionalice a promoción exterior do municipio.
Fraga sinala que o rexistro oficial dunha marca propia é esencial para evitar o uso indebido do nome de O Vicedo e da súa iconografía por parte de terceiros, así como para impulsar a promoción turística e dos produtos de proximidade baixo un selo de calidade propio. “Queremos que o nome de O Vicedo sexa sinónimo de calidade e que os beneficios da nosa marca queden na casa. Para iso é imprescindible garantir a protección legal en sectores clave como turismo, eventos e produtos locais”, concluíu o portavoz.