O BNG propón que o Concello de Ribadeo adquira un camión do lixo propio para aforrar cartos

O BNG de Ribadeo insiste na necesidade de mellorar a xestión dos recursos municipais e propón que o Concello compre un camión do lixo en propiedade, poñendo fin ao gasto continuado derivado do alugueiro do vehículo, que leva en funcionamento desde mediados de 2023. Segundo recordan desde a formación nacionalista, esta situación xa fora advertida en varias ocasións sen que o goberno municipal adoptase medidas para corrixila.
A día de hoxe, o Concello leva abonados arredor de 130.000 euros polo alugueiro, cun custo mensual de 4.500 euros. Para o BNG, esta cantidade sería máis que suficiente para investir na adquisición dun camión propio. Como sinala o concelleiro Martín Graña: “Os datos falan por si sós: levamos case dous anos pagando un alugueiro que non é rendible para o concello. Con planificación e vontade política, Ribadeo podería contar xa cun camión do lixo en propiedade, aforrando cartos e garantindo un bo servizo”.
Graña destaca que este gasto mensual constante limita a capacidade económica do Concello para atender outras necesidades urxentes e mesmo para achegar fondos propios que permitan acceder a subvencións doutras administracións. “Cada mes que pasa estanse a destinar 4.500 euros a un aluguer cando ese diñeiro podería empregarse en investimentos útiles para a veciñanza”, explica.
Desde o BNG defenden que a compra do camión do lixo é a opción máis responsable e sostible, tanto desde o punto de vista económico como da xestión dos servizos públicos. A formación insta ao goberno municipal a iniciar os trámites necesarios para adquirir o vehículo e poñer fin a un modelo que consideran claramente prexudicial para as arcas municipais.
“O noso obxectivo é achegar solucións e propostas realistas que melloren Ribadeo. Comprar o camión do lixo é unha decisión lóxica, necesaria e beneficiosa para todas e todos”, conclúe Martín Graña, resaltando a importancia de investir en infraestruturas municipais que optimicen o servizo e xestionen mellor os recursos públicos.