O BNG propón o Plan Rexurdir O Vicedo para frear o despoboamento e revitalizar o municipio

AMariñaXa
A iniciativa aposta pola vivenda pública, o reforzo do comercio local e a dinamización das parroquias como eixes estratéxicos
MIGUEL-FRAGA-GÓMEZ---BNG--VICEDO
26 Jan 2026

O Grupo Municipal do BNG do Vicedo vén de rexistrar unha moción para o seu debate no próximo pleno coa intención de poñer en marcha o denominado Plan Rexurdir O Vicedo, unha proposta global orientada a facer fronte ao progresivo despoboamento que sofre o concello. A iniciativa estrutúrase arredor de tres grandes liñas de actuación: facilitar o acceso á vivenda, fortalecer o comercio de proximidade e revitalizar a vida social e económica das parroquias.

O portavoz municipal do BNG, Miguel Gómez Fraga, advertiu de que a perda de servizos e actividade económica ten consecuencias directas sobre a poboación. “Un concello sen comercio e sen servizos está condenado ao despoboamento”, sinalou, lembrando que esta proposta dá continuidade a outras iniciativas xa presentadas polos nacionalistas, como o Plan Emprende Terras do Sor, co obxectivo de fixar poboación e atraer novas familias ao rural vicedense.

Un dos puntos centrais do plan é a problemática do acceso á vivenda, especialmente no mercado do alugueiro, que o BNG identifica como unha das principais causas da perda de habitantes. A moción propón que o Concello impulse un parque de vivenda pública, ben sexa mediante nova construción ou a través da adquisición e rehabilitación de inmobles actualmente baleiros, contando para iso co apoio financeiro da Xunta de Galicia e do Goberno do Estado.

No ámbito económico, a proposta defende un modelo baseado na economía circular, promovendo a conexión directa entre produtores locais e comercio de proximidade. Ademais, recóllese a creación dun parque municipal de locais comerciais con alugueiros bonificados, xestionado polo propio Concello, para facilitar a implantación e continuidade de pequenos negocios.

O BNG do Vicedo tamén mira ao veciño concello de Muras como exemplo a seguir, especialmente no ámbito enerxético. Nun municipio que conta con arredor de cen aeroxeradores, os nacionalistas propoñen estudar fórmulas para reverter parte desa produción en beneficio da veciñanza, como a subvención da factura eléctrica tanto para os fogares como para o pequeno comercio, seguindo experiencias xa implantadas con éxito noutros concellos.

A moción inclúe tamén medidas para modernizar e poñer en valor as parroquias, coa transformación dos locais sociais en espazos multifuncionais que ofrezan servizos directos á veciñanza. Entre as propostas figura tamén a creación dunha aplicación móbil municipal que funcione como escaparate dixital da vivenda dispoñible, do comercio local, dos produtos da terra e da programación cultural.

Segundo Gómez Fraga, resulta imprescindible “frear a sangría de servizos” mediante políticas coordinadas e a longo prazo. Por iso, o BNG propón a creación dunha comisión permanente integrada polos tres grupos da corporación municipal, así como a organización de foros sectoriais centrados na economía, a agricultura e a pesca, co fin de mellorar a visibilidade e o dinamismo do concello.

Entre os acordos que se levan ao pleno figuran a constitución desa comisión permanente, a busca de financiamento doutras administracións para vivenda e comercio, a creación de foros de promoción do produto local e da cultura, e o estudo da posta en marcha dunha app municipal. Desde o BNG confían en que a proposta conte co respaldo unánime da corporación.

“O Vicedo é cousa de todos e todas. As tres forzas políticas temos que sumar e remar na mesma dirección”, afirmou Miguel Gómez Fraga, quen amosou a súa confianza en que o plan sexa aprobado e permita comezar a traballar de maneira conxunta nun futuro con máis oportunidades para o municipio.

⚙ Configurar cookies
0.077690839767456