O BNG propón crear a Ruta das Pontes Medievais para descubrir o patrimonio do río Grande en Ribadeo

AMariñaXa
A iniciativa busca conectar estes dous elementos patrimoniais entre As Anzas, Santalla e Reme, mellorar os accesos e recuperar a aplicación RibadeoXNatural para impulsar o turismo sostible
bng-ribadeo-martin-graña-ponte-medieval
9 Nov 2026

O BNG de Ribadeo levará ao vindeiro Pleno municipal unha proposta para crear a "Ruta das Pontes Medievais", un itinerario de sendeirismo que permita coñecer o patrimonio histórico e paisaxístico da contorna do río Grande. A iniciativa pretende conectar as pontes da Acea e de Pena Tallada, situadas entre as parroquias das Anzas, Santalla e Reme, e favorecer un maior aproveitamento deste espazo tanto por parte da veciñanza como das persoas visitantes.

A formación nacionalista considera que este ámbito reúne un importante potencial natural e patrimonial que podería poñerse en valor mediante intervencións asumibles e respectuosas co medio. Para iso, propón aproveitar na medida do posible os camiños xa existentes, acondicionar e limpar os accesos, mellorar a sinalización e estudar a colocación de paneis explicativos sobre a historia das pontes e os elementos naturais da contorna.

O portavoz municipal do BNG, Martín Graña, defende que a proposta permitiría recuperar e dar a coñecer elementos menos visitados do patrimonio ribadense. Segundo sinala, a ruta serviría tamén para promover un turismo sostible e desestacionalizado, ademais de ofrecer novas posibilidades de lecer relacionadas coa natureza, o sendeirismo e a historia local.

A iniciativa pretende, ademais, contribuír á dinamización das parroquias do interior e diversificar a oferta turística do municipio, reducindo a concentración de visitantes nos lugares máis frecuentados. Graña considera que fomentar propostas deportivas, culturais e turísticas deste tipo pode axudar a aliviar a presión sobre os espazos máis demandados e favorecer un maior coñecemento da riqueza patrimonial que permanece menos visible.

A moción presentada polo grupo municipal inclúe cinco acordos. O primeiro consiste en instar ao goberno local a estudar e impulsar a creación do percorrido entre as dúas pontes, sempre que as condicións dos camiños o permitan. Tamén se reclama a limpeza e o acondicionamento dos tramos necesarios, así como a súa sinalización para garantir unhas condicións adecuadas de seguridade e respecto polo medio natural.

Os outros puntos contemplan analizar a instalación de paneis informativos, incorporar a ruta aos recursos de promoción turística do Concello e recuperar a aplicación RibadeoXNatural. Esta ferramenta recollía anteriormente diferentes itinerarios de sendeirismo polo municipio e o BNG propón recuperala, ao tempo que se fomenta a creación de novas rutas e a posta en valor doutras que xa existiran.

"Non se trata só de crear unha ruta, senón de coidar o que temos e facilitar que a xente poida coñecelo", sostén Graña. O portavoz nacionalista insiste en que o patrimonio de Ribadeo tamén se atopa nas parroquias rurais e nos seus camiños, polo que considera necesario traballar na súa conservación e divulgación.

0.16857695579529