O BNG pide concentrar o voto na recta final da campaña para reforzar a voz de Lugo e A Mariña no Congreso

AMariñaXa
Os candidatos mariñaos repartiron información electoral en Burela e valoran positivamente unha campaña na que aseguran que os apoios á formación e a Olalla Rodil foron medrando
BNG-fin-campaña-burela-2026-mitin
27 Nov 2026

O BNG afronta a recta final da campaña electoral cun balance positivo do traballo realizado na comarca da Mariña, onde os seus candidatos e candidatas mantiveron encontros con diferentes sectores sociais e trasladaron as principais reivindicacións da zona. Neste último día, representantes da formación nacionalista volveron ás rúas de Burela para repartir información electoral e animar a concentrar o voto na súa candidatura.

A acción desenvolveuse no mercado semanal, en distintos establecementos e polas rúas da localidade, coa participación de David Villares, candidato ao Senado; Montse Porteiro, candidata ao Congreso; Mario Pillado, tenente de alcaldesa de Burela; e Antonio Veiga, responsable comarcal do BNG. Todos eles estiveron acompañados por militantes e simpatizantes.

A actividade deste último día de campaña chega despois de varias xornadas de intenso traballo na comarca, nas que Ana Pontón e Olalla Rodil tamén participaron en diferentes actos acompañando aos candidatos e candidatas mariñaos ao Congreso e ao Senado.

Durante a campaña, o BNG mantivo contactos con diversos colectivos e sectores da sociedade mariñá para abordar cuestións relacionadas coa pesca, o sector primario, as infraestruturas, as pensións, os movementos sociais, o feminismo, a mocidade e os dereitos da clase traballadora, entre outros asuntos.

A formación nacionalista considera que estas conversas permitiron constatar a necesidade de que a comarca conte cunha representación propia que leve as súas demandas ás Cortes. Entre as reivindicacións que destacan figuran especialmente as relacionadas coas infraestruturas, que consideran unha débeda histórica dos distintos gobernos estatais e que, segundo lembran, o BNG leva reclamando reiteradamente.

Os nacionalistas sosteñen que a sociedade mariñá necesita unha voz que defenda estas cuestións no Congreso e aseguran que esa representación pasa pola súa candidatura.

BALANCE POSITIVO

Os candidatos e candidatas do BNG na Mariña trasladaron unha valoración favorable da campaña electoral desenvolvida na comarca e aseguraron que os apoios á formación e a Olalla Rodil, cabeza de lista por Lugo ao Congreso, foron aumentando ao longo destes días.

Na última xornada, a organización pediu concentrar o voto na súa candidatura, que reivindica como unha opción útil e orgullosa para frear á dereita e garantir que Lugo e A Mariña teñan presenza e voz no Congreso dos Deputados.

0.15111899375916