O BNG pedirá á corporación provincial que defenda a actividade pesqueira da invasión da eólica mariña

AMariñaXa
O BNG pedirá á corporación provincial que defenda a actividade pesqueira da invasión da eólica mariña
BNG Deputacion marzo 2023
BNG Deputacion marzo 2023
27 Mar 2023

A formación nacionalista presentará unha moción na que  esixe ao goberno do Estado a retirada inmediata dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM), cos que pretenden instalar en Galiza o 43 por cento da eólica mariña prevista para todo o Estado a costa da actividade pesqueira e dos ecosistemas mariños.

O BNG apela aos grupos provinciais de PSdG e PpdG, sinalando que  “a nosa obriga é defender a pesca, un sector do que viven, directa ou indirectamente, moitos dos nosos veciños e veciñas, e non podemos permitir que as eléctricas fagan caixas cos nosos recursos naturais deixando sen medio de vida á xente do mar”, explicou o voceiro nacionalista Efrén Castro

“No BNG insistimos na necesidade de implantar enerxías renovábeis e avanzar cara unha economía libre de carbono, pero este tránsito non se pode facer a costa de arrasar cun sector pesqueiro cun peso moi relevante na economía da comarca da Mariña, especialmente en concellos como Burela ou Viveiro”, engadiu.

A moción pide a populares e socialistas volver ao consenso acadado no Parlamento galego en 2009 para deixa Galicia libre de eólica mariña e preservar o sector pesqueiro.

Axudas para de prevención e indemnización polos danos do lobo

O BNG tamén reclamará á  Xunta de Galicia, a través doutra moción, que amplíe a partida destinada ás axudas destinadas a medidas de prevención e indemnización por danos do lobo ao gando ata os 4,3 millóns de euros.

A deputada nacionalista e responsable de Medio Rural Mónica Freire explicou que “esa é a contía de fondos estatais que correspondería a Galiza en función da Estratexia do Lobo e que o goberno galego non solicitou para manter un enfrontamento partidista co goberno do Estado que penaliza a gandeiros e gandeiras”.

Nese sentido, lembrou “incluso outros gobernos autonómicos do Partido Popular, que manteñen tamén posicionamentos contrarios aos do Ministerio de Transición Ecolóxica, solicitaron eses fondos para medidas de prevención e indemnizacións”

Ademais dese incremento na contía total, a moción insta a Xunta de Galicia a adaptar a orde de axudas as necesidades reais das gandeirías, actualizando os prezos de valoración das indemnizacións que seguen a ser os de 2016 ou das axudas á construción de peches fixos e outras medidas preventivas.

0.22945189476013