O BNG e PSOE critican os orzamentos de Mondoñedo para o 2023

AMariñaXa
Foi aprobado o orzamento para o ano 2023 do Concello de Mondoñedo, que ascende a 3.891.983,87 euros. reflicte a contención do gasto
Vista_panorámica_de_Mondoñedo
Vista_panorámica_de_Mondoñedo
1 dic 2022

O voceiro nacionalista, Eloi Cabanas, debullou no Pleno do Concello celebrado o pasado venres unha a unha as principais cuestións polas que non lle deu o visto bo ás contas para o ano 2023.

"O goberno popular amortiza prazas e non cubre as vacantes que aparecen detalladas no anexo de persoal. Aquí non vale facer máis con menos. A carga de traballo aumenta e a eficacia no servizo ao asignar as tarefas do persoal que se vai xubilando noutros compañeiros do concello non é suficiente", di Cabanas, "non hai contención no gasto e hai partidas que aumentan ano tras ano".

Apuntan por exemplo que a partida de Gastos Diversos onde van conceptos como Publicidade e Propaganda incrementouse este ano en 34.000 euros, partida que experimenta unha suba de 105.000  ¡euros desde o ano 2019 denuncian.

Eloi Cabanas dubida que a tendencia á alta destes anos se xustifique despois nun retorno na mesma proporción en melloras para á veciñanza.

O BNG tamén lle reprochou ao goberno a ineficiente xestión nas labores de recadación. Segundo o BNG o concello perde diñeiro ao non prever ningún ingreso en concepto de Canón Eólico. “É lamentable que despois de concederlle unha rebaixa fiscal de 110.000€ a Norvento por instalar un parque eólico en Sasdónigas que agora se demostrou polo Tribunal Supremo que fora autorizado ilegalmente pola Xunta e co número de aeroxeradores instalados polos diferentes parques no noso concello o goberno, encabezado agora por Manuel Otero, se cruce de brazos e non tome medidas para recadar o que nos corresponde por este concepto”.

Eloi Cabanas volveu a insistir nos compromisos adoptados en anteriores acordos plenarios a instancias do BNG e que o goberno segue sen atender. “O goberno volve a negarlle unha vez máis ás familias co dificultades económicas do noso concello a axuda para a compra de material escolar e libros de texto”.

No que respecta ao Anexo de Inversións o edil nacionalista cualificouno de decepcionante xa que só destacaba pola ausencia de proxectos novos.

Para concluír, e igual que en anos anteriores, o BNG considera que o reparto de axudas para as actividades que realizan as diversas asociacións é pouco obxectivo e de difícil control pola oposición e bota en falta un procedemento máis xusto como pode ser o de concorrencia competitiva.

Para o BNG estes non son os orzamentos que necesita Mondoñedo,”hai un amplo parque de maquinaria parado que debería estar funcionando con persoal especializado e igual que hai diñeiro para recorrer a empresas privadas en determinadas épocas do ano tamén os debería haber para realizar moitos deses traballos con recursos propios”, e o aumento do gasto con respecto a anos anteriores non se xustifica só por culpa da subida dos prezos.

Apuntan que as previsións orzamentarias para o ano que estamos en curso tampouco se están cumprindo e segundo as últimas resolucións da alcaldía entregadas aos grupos da oposición indican que están chegando facturas ao concello para as cales non hai asignación orzamentaria e para poder facerlles fronte teñen que andar facendo “encaixe de bolillos” para consignar crédito botando man das correspondentes Transferencias de Crédito e este ano xa van 25.

Eloi Cabanas, á vista destes orzamentos, denota do goberno local unha evidente “desidia” para encarar estes últimos meses de mandato. “Faltan proxectos e políticas novas de futuro”.

ROGOS E PREGUNTAS

O BNG preguntou cando se ía poñer en funcionamento o Servizo de Fisioterapia no Centro de Saúde de Mondoñedo e a pesar de que a obra xa esta rematade desde abril do 2022 o goberno local non soubo precisar unha data concreta e conta que ao longo do ano 2023 puidera estar en funcionamento. 

O edil nacionalista volveu a preguntar tamén polo inicio da posta en funcionamento do ximnasio municipal esta vez nas novas instalacións da avenida de Bos Aires e logo de acumular máis dun ano de retraso e o alcalde anunciou que a mediados do mes de decembro xa se podería utilizar.

PSOE

O Grupo Socialista de Mondoñedo denuncia que o PP de Mondoñedo incrementa a partida de publicidade e propaganda do Concello en máis de 11.000 euros con respecto ás contas do ano pasado. Concretamente para protocolo destina 31.000 euros (un aumento de 5.500 euros con respecto ao ano anterior), e a de publicidade ata os 59.100 euros ( sube 5.800 euros), o que fai un montante total de 90.100 euros. 

“É dicir pasamos de incrementar estas dúas cuantias en 11.300 euros, cando a partida para a creación de emprego do concello é de 47.431 euros. Estas son as prioridades do PP no concello de Mondoñedo, anuncios e propaganda”, denuncian dende o PSdeG. 

Nesta sesión plenaria, na que os socialistas rexeitaron os orzamentos do PP, advertiron dos constantes anuncios do PP nos medios, trala aprobación dos orzamentos da Xunta na que se informou dunha partida de 2,1 millóns incluídos no Plan Rexurbe, e que non aparecen reflectidos nestas contas. Ademais doutras partidas significativas como achega da Deputación de Lugo, a través do Plan único que ascenden a arredor de 300.000 euros.

Singularmente chama a atención que non haxa nada orzamentado para rematar dunha vez as obras da Praza da Catedral, ou mesmo outros proxectos que anunciou o propio Concello como as obras de Rocha de Vélez.

Ximnasio municipal

A Voceira socialista, Esperanza González tamén se interesou, nesta mesma sesión plenaria, polo procedemento que vai seguir o Concello para a reapertura do ximnasio. O Goberno municipal informou que se alquilou unha nave na avenida de Buenos Aires, número 67, para instalar temporalmente o ximnasio pola que o Concello paga unha cota mensual de 918 euros nun contrato de seis meses, e despois informaron que o ximnasio voltará ao edificio da Casa da Cultura, unha vez rematen as obras.

Estabilización do persoal laboral do Concello

Tamén interpelaron ao Goberno local para coñecer en que proceso se atopa a convocatoria para a estabilización do persoal laboral do Concello de Mondoñedo. Os servicios xurídicos do Concello informaron que previsiblemente, trala ponte da Constitución de decembro, estará lista a convocatoria. Ademais avanzaron que se reunirán cos representantes dos traballadores, tal e como marca a normativa, para explicar o procedemento dos procesos existentes. Dende o Grupo Socialista insistimos na necesidade de cubrir os postos de traballo que hai vacantes na RPT, por xubilacións, enfermidades, baixas.., xa que son necesarios para cubrir os servizos básicos do Concello de Mondoñedo.

Ademais tamén preguntamos polo responsable das supervisións das obras que está realizando o Concello nas diferentes parroquias, “xa que recibimos queixas dos veciños de que non están executando correctamente”.

Moción en defensa das traballadoras do consorcio galego 

O Grupo Socialista de Mondoñedo defendeu unha moción, polo tramite da urxencia e que foi aprobada por unanimidade de tódolos grupos, para solventar a problemática das traballadoras do consorcio galego de servizos de igualdade e benestar. A través desta proposta demandaron á Consellería de Política Social a que reciba ao comité de folga das traballadoras do Consorcio Galego para escoitar as súas demandas. E tamén instan á Xunta a resolver o conflito laboral plantexado no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

“Defendemos esta iniciativa polo tramite da urxencia, tras comprobar que non estaba incluída na orde do dia, xa que foi rexistrada polas propias traballadoras afectadas no Concello. Non entendemos como se pode deixar fóra do debate esta iniciativa e pola contra o PP presente unha moción para debater sobre o delito de sedición. Hai que gobernar ao carón da xente e non dándolle as costas ás traballadoras afectadas e as súas familias”, din dende o PSdeG.