O BNG mobilizouse en Viveiro e disponse a defender en Bruxelas o saneamento da ría

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
1 Oct 2019

O BNG viveirense mobilizouse o 27 de setembro polo cambio climático tomando consciencia das problemáticas non só globais, senón tamén nas locais como a tan necesaria rexeneración da ría de Viveiro, e por iso o BNG remata de rexistrar ante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo a denuncia polo estado do saneamento da Ría de Viveiro, viaxe a Bruxelas no que acudirán membros do BNG como Ana Miranda e Míriam Bermúdez acompañadas da plataforma Pro-Celeiro.

O documento resalta o incumprimento da Normativa Europea en materia de tratamento de augas residuais e de calidade das augas polo atraso na execución das obras tan necesarias, que deberan estar xa resoltas no ano 2000.

Na denuncia presentada destácanse tres cuestións:

Por unha banda, a lentitude e pasividade das administracións, pois a Xunta do PP leva case 10 anos de anuncios destas melloras na depuración pese a existencia de fondos europeos, agora en risco de perda, e que recentemente volven a repetir o xa anunciado e a celebrar a licitación dunha parte das obras que por si soas non van a resolver o problema.

Outro feito denunciado polo BNG son os datos falsos que foron remitidos á Comisión Europea para evitar sancións, indicando que existe un tratamento adecuado das augas residuais e, sen embargo, a propia Xunta de Galiza recoñeceu en diferentes ocasións que a capacidade real da EDAR está por debaixo do necesario para a poboación do Concello e que as augas non se desinfectan correctamente antes de se verter.

Tamén é coñecida por todas a rotura do emisario, que verte as augas no interior da ría preto das praias e unha captación de auga, pero este proxecto só se centra na EDAR sin contemplar o amaño do emisario, mais os datos que a Xunta remite a Bruxelas non citan este problema como si se vertese correctamente na zona externa da ría. Isto provoca un problema sanitario, como sinala finalmente o documento, polos problemas por contaminación nas zonas de baño e nos sobrecustos que xera ao Porto de Celeiro na depuración das augas captadas.

A concelleira nacionalista, Míriam Bermúdez, advertiu que “a loita do BNG cesará cando se teña unha ría limpa e recuperada, e para todo isto é imprescindíbel que se poña en marcha un proxecto integral de rexeneración medioambiental, que permita identificar as zonas da ría que presentan unha maior degradación e recuperar as zonas que o precisen, que inclúa a recuperación dos bancos marisqueiros e da pesca de baixura para unha explotación racional e produtiva, xerando riqueza e postos de traballo para o pobo de Viveiro.”

0.16538405418396