O BNG levará ao Parlamento a paralización da VAP Costa Norte e acusa ao PP de abandonar A Mariña

AMariñaXa
Os nacionalistas esixen explicacións á Xunta polo cambio de proxecto e anuncian un acto público en Viveiro sobre a situación das infraestruturas comarcais
BNG-Marina-Viveiro-reclama-VAC-2025
27 Dec 2025

O BNG anunciou esta mañá que presentará diversas iniciativas no Parlamento de Galicia para reclamar explicacións ao Partido Popular polos motivos que levaron á Xunta a descartar a VAP Costa Norte, deixando como única alternativa para Viveiro e a comarca unha estrada convencional. Segundo denunciou a formación nacionalista, esta decisión supón enterrar definitivamente un proxecto comprometido durante décadas e incumprir reiteradamente as promesas realizadas á veciñanza da Mariña.

O anuncio foi realizado polo deputado mariñao Daniel Castro, que compareceu en rolda de prensa xunto á portavoz municipal de Viveiro, Iria Cotelo; o concelleiro Seve Salgueiro; o responsable comarcal do BNG, Antonio Veiga; e outros militantes e cargos orgánicos e institucionais. Durante a comparecencia, os representantes nacionalistas analizaron a nova situación na que, ao seu xuízo, o PP deixa a Viveiro e ao conxunto da comarca.

Desde o BNG avanzaron que no Parlamento formularán preguntas dirixidas á Xunta para coñecer “por que decidiu deixar A Mariña sen VAP”, cales son as razóns para apostar por un proxecto que, segundo sinalan, non responde ás características dunha vía de altas prestacións, e por que non se estudaron alternativas diferentes á presentada. Para os nacionalistas, trátase dun novo retroceso en materia de infraestruturas viarias para a comarca.

O responsable comarcal, Antonio Veiga, foi especialmente crítico co Partido Popular, ao que acusou de manter durante anos anuncios que sabía que non se ían materializar. Lembrou as promesas feitas no seu día polo entón conselleiro Agustín Hernández, quen asegurara que os prazos se cumprirían e que o corredor estaría completamente rematado no ano 2017. Veiga afirmou que “a mentira e o engano forman parte do ADN do PP” e denunciou que, mentres outros territorios contan con corredor e avanzan xa cara á autovía, A Mariña segue sen esa infraestrutura tras 25 anos de anuncios. Ao seu entender, o PP terá que explicar o trato discriminatorio que recibe a comarca.

Pola súa banda, a portavoz municipal de Viveiro, Iria Cotelo, anunciou a celebración dun acto público o vindeiro venres 9 de xaneiro, ás 19:00 horas, na sala multiusos do Concello de Viveiro. A convocatoria estará aberta á cidadanía e contará coa participación de distintos sectores sociais para analizar a situación actual das infraestruturas na Mariña. Cotelo advertiu de que o problema non se limita ao corredor, senón que se estende tamén á autovía A-74, dependente do Estado, da que non se executou nin un só quilómetro en máis de dúas décadas.

No acto intervirán, ademais da propia Iria Cotelo, o deputado no Congreso Néstor Rego, o deputado no Parlamento galego Daniel Castro e o concelleiro viveirense Seve Salgueiro.

⚙ Configurar cookies
0.089326143264771