O BNG leva as demandas do CEIP Castro de Ouro de Alfoz ao Parlamento

AMariñaXa
Así, debaterase a  proposición non de lei presentada polo deputado e na que se pide non levar a cabo os agrupamentos do alumnado de diferentes ciclos
manifestación-Castro-de-Ouro-de-Alfoz
1 Out 2024

Continúan as concentracións diante do CEIP Castro de Ouro de Alfoz ante a falta de compromiso da Xunta para facer efectivo o cumprimento do acordo de agrupamentos e a reposición da praza de pedagoxía terapéutica (PT) que foi eliminada neste curso escolar. Desde o BNG trasladan o seu apoio a estas reivindicacións de pais e nais e de toda a comunidade educativa escenificadas coas concentracións que realizan os luns ás portas do colexio, e ás que vén asistindo o deputado mariñao Daniel Castro.

Castro anunciou que serán tratadas próximamente no Parlamento as iniciativas ao respecto desta problemática que presentou e rexistrou días atrás, despois de que nais e pais lle trasladaran a situación que se está a vivir no colexio. Así, debaterase a  proposición non de lei presentada polo deputado e na que se pide non levar a cabo os agrupamentos do alumnado de diferentes ciclos educativos no centro ao contar este con alumnado suficiente segundo os acordos asinados. Na mesma proposta ínstase tamén á Xunta a recuperar a praza de pedagoxía terapéutica.

En palabras de Castro, ven "inxusta esta situación xa que o propio acordo de agrupamentos indicaba que se podería agrupar o alulmnado de primaria pertencente a distinto ciclo nunha mesma unidade cando o número fose igual ou inferior a 12, e pola contra, no CEIP contan con 15 alumnos nun dos agrupamentos”. Afirma tamén que é necesario avaliar unha variable máis, porque hai outro agrupamento no que hai 12 estudantes, polo que se tén que estudar se algún deles tén necesidades específicas de apoio educativo, un feito que modificaría a ratio.

Daniel Castro tampouco deixa de pasar por alto a condición da situación territorial deste colexio en pleno rural no Val do Ouro e nese sentido manifesta que é difícil de entender que a Xunta non teña a máis mínima intención de favorecer o asentamento de familias no rural galego, afirmando tamén  que “o PP unha semana ataca a sanidade pública e outra o ensino público no rural e poidemos comprobalo meses atrás  no Valadouro e agora  en Alfoz”

0.13562893867493