O BNG leva ao pleno unha proposta para crear un Plan Integral de Mantemento e Mellora Urbana en Viveiro

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego en Viveiro presentará no pleno ordinario do vindeiro 4 de marzo unha moción para impulsar a elaboración e posta en marcha dun Plan Integral de Mantemento e Mellora Urbana. A iniciativa busca establecer unha estratexia global que permita afrontar a deterioración progresiva de rúas, prazas e mobiliario urbano, cun enfoque planificado e sostible no tempo.
A voceira nacionalista, Iria Cotelo, subliña que o estado dos espazos públicos “non é unha cuestión menor nin puramente estética, senón tamén de seguridade, calidade de vida e respecto pola veciñanza”. Segundo explica, en distintas zonas da vila obsérvanse “baldosas soltas durante meses, mobiliario deteriorado, áreas que precisan unha limpeza en profundidade e espazos verdes que requiren máis atención”.
O BNG aposta por superar unha dinámica de actuacións puntuais e reactivas e avanzar cara a unha planificación estruturada, con criterios técnicos e un calendario definido. “Non se trata de actuar só cando hai queixas, senón de prever e priorizar intervencións”, sinala Cotelo.
Entre as medidas recollidas na proposta figuran visitas técnicas periódicas por barrios para detectar necesidades, a creación dunha canle áxil de comunicación de incidencias para a cidadanía e a definición de estándares de calidade e integración estética nas actuacións. O plan contempla tamén unha avaliación económica para renovar progresivamente o mobiliario urbano, apostando por modelos unificados, duradeiros e sostibles.
No ámbito das zonas verdes, inclúense actuacións como plantacións de tempada, reposición de arborado con especies axeitadas e mantemento dos alcorques. A formación propón, ademais, dotar o plan dunha partida específica nos orzamentos municipais e establecer mecanismos de seguimento e participación cidadá. “Queremos un Viveiro que sexa motivo de orgullo”, conclúe Cotelo.