O BNG ironiza co Resurrection Fest para reclamar a autovía da Mariña

Coincidindo coa celebración dunha nova edición do Resurrection Fest en Viveiro, o BNG retomou a súa campaña en defensa das infraestruturas viarias da Mariña coa instalación dun valado publicitario en Celeiro no que pode lerse a mensaxe: “O máis heavy do Resu: chegar a Viveiro. Autovía e corredor xa. A Mariña merece máis”. A iniciativa serviu tamén como escenario para unha rolda de prensa na que participaron a portavoz nacionalista en Viveiro, Iria Cotelo; os deputados Olalla Rodil, Daniel Castro e Daniel García, e o responsable comarcal, Antonio Veiga.
Os nacionalistas consideran que a chegada de milleiros de asistentes ao festival volve poñer de manifesto as limitacións da rede viaria da comarca, que, segundo sosteñen, continúa soportando un importante volume de tráfico por estradas que levan décadas sen experimentar melloras estruturais de calado.
Durante a comparecencia, o BNG criticou tanto ao Goberno do Estado como á Xunta de Galicia polo que cualifican de falta de compromiso coas infraestruturas da Mariña. A formación lembrou que xa se cumpriron vinte e cinco anos desde que o trazado da Autovía do Cantábrico foi desviado por Vilalba, unha decisión que, ao seu xuízo, deixou sen conexión directa ás zonas central e occidental da comarca e tamén ao Ortegal.
A este respecto, os deputados autonómicos Olalla Rodil e Daniel Castro aseguraron que o Parlamento galego rexeitou reiteradamente as iniciativas do BNG para impulsar a Vía de Altas Prestacións (VAP) Costa Norte. Segundo explicaron, a última proposta presentada durante a tramitación dos Orzamentos da Xunta para 2026, na que solicitaban acelerar esta infraestrutura, foi rexeitada pola maioría do Partido Popular.
En relación coa futura A-74 entre Barreiros e San Cibrao, o responsable comarcal do BNG, Antonio Veiga, valorou positivamente que o Ministerio de Transportes aprobase recentemente o expediente de información pública e o proxecto de trazado do tramo entre Barreiros e O Carmen, aínda que advertiu de que se trata unicamente dunha pequena parte do conxunto da autovía. Por iso, reclamou un calendario definido para os cinco tramos pendentes e compromisos orzamentarios que permitan completar a infraestrutura entre o final desta década e o inicio da seguinte.
Veiga tamén criticou a situación da VAP Costa Norte entre San Cibrao e Ferrol, asegurando que a Xunta abandonou de feito este proxecto ao non continuar coa súa tramitación.
Pola súa banda, a portavoz do BNG en Viveiro, Iria Cotelo, cuestionou o anuncio realizado polo presidente da Xunta durante a súa visita á cidade o pasado Nadal sobre unha alternativa viaria para Viveiro. A edil considera que a proposta supón un retroceso ao substituír unha vía de altas prestacións por unha estrada convencional que, ao seu entender, non resolverá os actuais problemas de mobilidade nin favorecerá unha mellor conexión da comarca co resto de Galicia.
Finalmente, o BNG informou de que nas últimas semanas mantivo encontros con diferentes colectivos veciñais e sociais de Viveiro, nos que, segundo a formación, se percibe unha crecente preocupación polo estado das comunicacións. Os nacionalistas avanzaron que continuarán promovendo iniciativas e mobilizacións para reclamar avances nas infraestruturas da comarca.