O BNG insta á Xunta a acometer melloras urxentes no porto de Foz

Foz
AMariñaXa
O deputado Daniel Castro reclama actuacións inmediatas para garantir a seguridade no entorno portuario e denuncia a falta de avances nos compromisos adquiridos pola Xunta
Imaxe do deputado Daniel Castro
17 sep 2024

O Bloque Nacionalista Galego (BNG), a través do seu deputado Daniel Castro, reclamou no Parlamento de Galicia a necesidade de que a Xunta cumpra cos compromisos adquiridos para a mellora das infraestruturas no porto de Foz. Na Comisión de Pesca e Marisqueo, Castro instou á administración autonómica a executar as obras urxentes acordadas co Concello, especialmente no que se refire á mellora do firme e da sinalización no entorno portuario.

Segundo destacou o deputado, "o firme do espazo que dá acceso ás instalacións, como o Clube Kayak, está en mal estado dende hai anos". Lembrou ademais que xa no verán de 2022 o Concello de Foz trasladou a Portos de Galicia a necesidade de arranxar o pavimento, mais as actuacións realizadas foron meramente provisionais, como o tapado temporal das fochancas.

A pesar de que o Partido Popular asegurou no pleno municipal de 2023 que "o tema estaba enriba da mesa", Castro subliñou que a realidade é que "os veciños de Foz seguen agardando por unha solución definitiva para un espazo de uso cotiá". Recentemente, o Conselleiro do Mar, Alfonso Villares, anunciou un investimento de 263.000 euros para melloras nas dársenas da Mariña, pero o porto de Foz volveu quedar fóra dos plans.

Esta situación de abandono non se limita só a Foz, segundo o BNG. O deputado tamén denunciou que o porto de Portochico leva oito anos agardando pola execución de obras urxentes acordadas por unanimidade no Parlamento galego para mellorar a seguridade e aumentar o número de prazas de atraque, sen que haxa avances reais.

Castro rematou reclamando que a Xunta cumpra de maneira efectiva coas demandas locais e adopte medidas urxentes, como a mellora da sinalización e a implementación de limitacións de velocidade para garantir a seguridade no entorno portuario, propostas que xa foron aprobadas no pleno municipal de Foz en 2022 e 2023.

0.094357013702393