O BNG impulsa desde Celeiro unha campaña para reclamar autovías que vertebren A Mariña e o Ortegal

O BNG presentou en Celeiro, no concello de Viveiro, as liñas mestras dunha campaña coa que pretende implicar á sociedade da Mariña nunha reivindicación compartida: a finalización das grandes vías de comunicación pendentes que deben vertebrar a comarca e conectala de maneira efectiva co resto do país. A iniciativa busca reclamar tanto á Xunta de Galicia como ao Goberno do Estado compromisos reais e prazos concretos para unhas infraestruturas consideradas estratéxicas.
Desde o Bloque lembran que este outono se cumpriron 25 anos do desvío da Autovía do Cantábrico cara a Vilalba, unha decisión que, segundo sinalan, deixou desconectadas as zonas central e occidental da Mariña, así como a comarca do Ortegal. A isto súmase a situación da VAP Costa Norte, anunciada no seu día como compensación polo trazado da A-74, pero que leva anos paralizada, coa execución limitada aos dous tramos de Xove e Ortigueira licitados durante o goberno bipartito.
O responsable comarcal do BNG, Antonio Veiga, explicou que esta realidade é un dos principais motivos que impulsan a campaña. Ao seu xuízo, a falta destas infraestruturas afecta de maneira directa a todo o tecido económico da comarca, dificultando que as empresas da Mariña poidan competir en igualdade de condicións con outros territorios mellor comunicados. Veiga referiuse tamén á A-74 entre Barreiros e San Cibrao, considerando inaceptable que, avanzadas xa tres décadas do século XXI, non exista nin un só quilómetro de autovía construído por parte do Estado.
Pola súa banda, o deputado no Parlamento galego Daniel Castro criticou a actitude da Xunta respecto á VAP Costa Norte, denunciando as reiteradas negativas do Partido Popular a impulsar esta vía. Segundo indicou, cada vez que o BNG leva iniciativas ao Parlamento, estas son rexeitadas, lembrando que a última emenda presentada para axilizar o proxecto foi votada en contra polo PP.
A portavoz municipal do BNG en Viveiro, Iria Cotelo, tamén cuestionou a coherencia do Partido Popular neste asunto. Segundo afirmou, mentres no ámbito municipal apoian propostas para acelerar o corredor, no Parlamento galego votan en contra, unha actitude que cualificou de falta de seriedade e de incumprimento dos compromisos anunciados cando o PP accedeu ao goberno local mediante unha moción de censura.
Campaña, actos e mobilizacións
A campaña contará cunha forte presenza visual nos concellos da comarca mediante a colocación de valados e faixas co lema “25 anos agardando. Autovía e corredor xa!!”, ademais da difusión de material informativo e contidos nas redes sociais. Os actos públicos serán outro dos piares da iniciativa, co primeiro encontro previsto en Viveiro o vindeiro 9 de xaneiro, no que participarán colectivos sociais, empresariais, culturais e deportivos.
As mobilizacións previstas ao longo do próximo ano completarán a estratexia do BNG, cun calendario de accións que non se limitará á Mariña, senón que tamén se estenderá á comarca do Ortegal, co obxectivo de reforzar unha reivindicación conxunta por unhas comunicacións dignas.