O BNG esixe solución definitiva para o deterioro do porto do Vicedo

O porto do Vicedo leva anos presentando importantes problemas estruturais, con fendas de gran tamaño tanto no propio peirao como no dique de abrigo, unhas deficiencias que se foron agravando co paso do tempo. A situación, segundo advertiu o BNG, supón un risco significativo para a seguridade das instalacións e das persoas usuarias, dado o uso mixto pesqueiro, náutico e deportivo deste espazo.
Hai máis dun ano, o grupo nacionalista xa levou esta problemática ao Parlamento galego, reclamando unha intervención urxente para a súa estabilización. A formación advertía entón da necesidade de actuar con rapidez para evitar un maior deterioro das infraestruturas portuarias.
A Consellería do Mar anunciou o 4 de setembro de 2024 que Portos de Galicia iniciaría ese mesmo mes as obras de estabilización do porto. A actuación, cun investimento previsto de 55.000 euros, dividíase en dúas fases: unha primeira de carácter inmediato, centrada no asentamento do peirao afectado pola perda de material na súa base, e unha segunda orientada á estabilización definitiva e á pavimentación da superficie, incluíndo parte do acceso ao porto.
Porén, a día de hoxe, apenas uns meses despois da intervención, os problemas continúan sendo visibles. A fenda principal reaparece na zona do peirao e a outra gran fisura no dique de abrigo segue a expandirse progresivamente, o que evidencia, segundo denuncias políticas, a insuficiencia das actuacións realizadas.
Ante esta situación, o deputado mariñao Daniel Castro rexistrou varias iniciativas no Parlamento, tanto preguntas orais como escritas, así como unha Proposición non de Lei. Nela propón que o Parlamento inste á Xunta de Galicia a executar as actuacións necesarias para resolver de forma definitiva os problemas existentes nas infraestruturas do porto e do dique de abrigo do Vicedo.