O BNG esixe ao Estado actuacións inmediatas para garantir un servizo postal digno no Valadouro

O Bloque Nacionalista Galego reclamou ao Goberno do Estado a adopción de medidas urxentes para asegurar un servizo de Correos público, eficaz e adaptado ás necesidades da veciñanza do Valadouro. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anunciou o rexistro de iniciativas parlamentarias nas Cortes do Estado co obxectivo de frear o deterioro que sofre o servizo postal na localidade.
Rego advertiu de que a redución continuada de persoal e de medios na oficina de Correos está a provocar atrasos recorrentes no reparto e crecentes dificultades para a poboación, especialmente para as persoas maiores, que dependen deste servizo para recibir notificacións administrativas, sanitarias e documentación oficial. O deputado nacionalista lembrou que a xestión de Correos é competencia exclusiva do Estado, polo que cualificou de “inadmisíbel” que non se garanta o cumprimento efectivo do Servizo Postal Universal no rural galego.
Segundo explicou, as decisións adoptadas polo Executivo estatal e o actual marco normativo están a profundar nun modelo que penaliza os concellos rurais, reduce cadros de persoal e precaria as condicións laborais das traballadoras e traballadores. Unha situación que, ao seu xuízo, repercute directamente na perda de calidade do servizo e abre a porta a procesos de liberalización e privatización encuberta, fronte aos que o BNG mantén unha oposición firme.
“Defendemos un Correos público, con presenza real no territorio e cunha atención digna á cidadanía”, afirmou Rego, quen tamén alertou das consecuencias que o abandono institucional do rural ten na vida diaria das persoas.
Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG no Valadouro, Eduardo Chao, lembrou que a formación nacionalista tamén impulsou unha moción no Concello do Valadouro, aprobada por unanimidade, para reclamar máis persoal e recursos para a oficina postal e para amosar o apoio ás traballadoras e traballadores que están a soportar unha sobrecarga laboral pola falta de efectivos.
Chao destacou o traballo coordinado do BNG en todos os ámbitos institucionais, subliñando que a defensa dos servizos públicos no Valadouro se exerce tanto desde o ámbito local como desde o estatal. “Só cunha acción firme e coherente, desde o municipal até o Congreso, é posíbel frear os recortes e garantir dereitos á veciñanza do rural”, sinalou.
No acto estiveron presentes tamén Eliseo Teijeiro, concelleiro do BNG; Daniel Castro, deputado no Parlamento de Galiza; Daniel García, deputado provincial; e Antonio Veiga, responsable comarcal do BNG, ademais de veciños e veciñas do Valadouro que amosaron o seu respaldo ás reivindicacións formuladas.