O BNG esixe a Clemente Iglesias a reitrada das cámaras do ximnasio do pavillón do colexio

O BNG de Riotorto esixe a retirada inmediata das cámaras de vixilancia do ximnasio municipal e do pavillón do colexio tras a falta de explicacións do goberno municipal sobre a xestión das imaxes durante o pleno celebrado este venres
A portavoz Vanesa Gómez denunciou “a falta de aclaracións de Clemente Iglesias sobre a recepción e a custodia das imaxes, a pesar da presenza no pleno de veciñas e veciños que tiñan expresado reiteradamente a súa alarma por este asunto. Non escoitaron explicacións, nin atisbo de rectificación”, lamentou a concelleira nacionalista.
“Ante a preocupación pola presenza de imaxes nun móbil de uso persoal do alcalde, o lóxico é que se dean todas as explicacións, se asuman responsabilidades e se ofrezan garantías para o futuro. Como non se deron e se insiste en negar a evidencia, as cámaras non poden seguir no ximnasio nin no pavillón”, argumentou a concelleira nacionalista.
“As cámaras instaláronse sen avisos nin carteis informativos, incumprindo claramente a normativa, e só despois de que as persoas afectadas pola exposición da súa privacidade reclamasen, o alcalde e o seu entorno comezaron a intentar tapar furados, cun desprezo absoluto pola verdade e unha falta de respecto intolerable cara as persoas afectadas. Desde o BNG insistiremos en que se ofreza a documentación requirida, e se asuman responsabilidades pola xestión das imaxes”, concluíu.