O BNG e Galiza Nova organizan na Mariña un programa de actos con motivo do Día da Patria Galega

O BNG e Galiza Nova presentaron no Porto de Foz o programa de actividades que desenvolverán na comarca da Mariña con motivo da celebración do Día da Patria Galega. Os actos terán lugar durante o mes de xullo en diferentes localidades e culminarán coa participación na manifestación nacional convocada para o 25 de xullo en Santiago de Compostela.
Durante a presentación, o responsable comarcal do BNG, Antonio Veiga, sinalou que a programación busca combinar o carácter festivo da celebración coa reivindicación política. “Temos que festexar pero tamén reivindicar, porque o BNG é unha forza política cun discurso e unha práctica coherente e transformadora, que traballa por unha Galiza forte que faga valer os nosos intereses de país e coide dos galegos e das galegas con servizos públicos, universais e de calidade, coma a sanidade, na que na comarca da Mariña levamos anos de loita fronte ao proceso de desmantelamento que leva a cabo o PP. Queremos vivir na Mariña con todos os servizos, con infraestruturas acordes aos nosos tempos, rematando dunha vez a agardada A-74, e a VAP Costa Norte e queremos tamén poder ter acceso á vivenda, agora inaccesible para a maioría de traballadoras e traballadores debido ás nulas ou lesivas políticas levadas a cabo ao respecto polo PP”, afirmou.
Na presentación tamén interveu a representante comarcal de Galiza Nova, Cecilia Gómez, quen puxo o foco na situación da mocidade galega. “A mocidade galega continúa atopando enormes dificultades para desenvolver na súa terra o seu proxecto de vida, alimentando unha emigración xuvenil que Galiza leva demasiado tempo padecendo”. Ademais, engadiu que “Traballamos tamén por unha Galiza e por unha Mariña en que os coidados sexan un dereito e non un negocio e en que a vivenda e a protección social estean garantidas e que a mocidade teña oportunidades aquí. Unha Galiza en que a nosa lingua propia, o galego, estea viva e plenamente normalizada, e na cal a defensa da igualdade desde o feminismo e o respecto á diversidade sexan norma e non excepción”.
A programación arrancará o sábado 18 de xullo en Foz coa XXXI Festa da Patria. A partir das 19.30 horas, diante da lonxa, celebrarase esta cita, na que non faltarán os tradicionais chicharros lañados, un dos pratos máis representativos da gastronomía local, ademais da actuación musical de Os Lambós.
Ao día seguinte, o domingo 19 de xullo, Barreiros acollerá a XIX Manifesta da Patria na área recreativa da Insua. A xornada incluirá a tradicional “bonitada do Bloque”, para a que será necesario realizar reserva previa nos teléfonos 629 27 28 53, 615 187 637, 647 517 923 e 699 062 010. A sesión vermú comezará ás 13.30 horas e estará amenizada por músicos locais cun repertorio que combinará estilos modernos e tradicionais. O xantar celebrarase ás 14.30 horas e ao longo da xornada desenvolveranse diferentes actividades.
Pola súa banda, Galiza Nova organizará varios actos propios. O luns 20 de xullo, ás 09.30 horas, despregará a bandeira da patria na praia de Illas. Nos días seguintes tamén instalará mesas informativas en distintos eventos, entre eles o previsto en Foz o xoves 16 de xullo, ademais de realizar diferentes murais artísticos.
O programa culminará o sábado 25 de xullo coa manifestación nacional convocada en Santiago de Compostela baixo o lema “Somos unha nación. Soberanía e dereitos nun mundo en paz”. A marcha partirá da Alameda ás 12.00 horas e rematará na Praza da Quintana, dando continuidade ás actividades iniciadas o día anterior no Festigal.
O BNG informou de que organizará a viaxe en autobús desde a comarca para facilitar a asistencia á manifestación. As persoas interesadas poderán anotarse ata o martes 14 de xullo no teléfono 982 140 654 ou a través do correo electrónico amarinha@bng.gal.