O BNG do Vicedo reclama no pleno solucións urxentes para estradas, servizos básicos e residuos agrícolas

AMariñaXa
Miguel Fraga pide actuacións inmediatas no viario da Paleira, no acceso ao apeadoiro de Folgueiro e propón medidas fronte a apagamentos, ademais de promover un punto limpo para plásticos do agro
MIGUEL-FRAGA-GÓMEZ---BNG--VICEDO
28 May 2025

Este mércores 28 de maio, a corporación municipal de O Vicedo abordará no pleno unha batería de propostas impulsadas polo BNG que, segundo explica o seu portavoz Miguel Fraga, responden a "demandas recorrentes da veciñanza ás que o Concello leva anos dando largas ou ignorando directamente".

Entre as cuestións prioritarias, o grupo nacionalista reclama a reparación inmediata do viario da Paleira, unha estrada que une as parroquias de Cabanas (O Vicedo) e Galdo (Viveiro), cuxo estado "é absolutamente lamentable". Fraga pedirá ao alcalde que inicie negociacións co Concello de Viveiro para executar conxuntamente as obras de mellora.

Outro dos puntos críticos en materia de infraestruturas é o acceso ao apeadoiro e á decantadora de Folgueiro, onde “o asfalto practicamente desapareceu, as arquetas están rotas, coas tapas soltas e sen apoio, e a zona presenta un nivel de deterioro que representa un serio risco para os usuarios”, denuncia o edil. “Non é tolerable seguir adiando esta obra, cando houbo ocasións para incluíla en plans como os da Deputación”, engade.

O BNG tamén instará ao goberno local a planificar e facer un calendario de maneira eficaz a limpeza de maleza nos camiños municipais, unha tarefa que considera esencial para garantir a seguridade viaria e que debe ser xestionada con antelación suficiente.

En materia de emerxencias, Fraga levará ao pleno unha proposta para garantir o funcionamento dos servizos esenciais en caso de apagamentos, como o ocorrido o pasado 28 de abril. A moción propón dotar a instalacións clave como o centro de saúde, o colexio, o Concello ou a rede de abastecemento de auga de xeradores eléctricos de emerxencia que aseguren o subministro en situacións críticas.

Outro dos puntos fortes da sesión será a reivindicación dun punto limpo específico para plásticos agrícolas, unha vella demanda da veciñanza do sector primario que o BNG xa presentara en plenos anteriores sen resposta por parte do goberno de Jesús Novo. A formación solicita agora que se tramite o seu financiamento a través do Fondo de Compensación Ambiental, e que se modifique a Relación de Postos de Traballo para incorporar persoal encargado da súa xestión.

Finalmente, Fraga lembrará a importancia de manter viva a actividade industrial na planta de Alcoa en San Cibrao, e defenderá a moción impulsada polo comité de empresa e o BNG, que xa foi aprobada por unanimidade noutros concellos da comarca. “No pleno do Vicedo tamén esperamos ese respaldo unánime, porque falamos do futuro de centos de familias mariñás”, subliña.

⚙ Configurar cookies
0.16674494743347