O BNG do Vicedo denuncia o estado do acceso á praia de Arealonga

AMariñaXa
Tamén defenden que lles resulta “insuficiente” a inversión por parte da Consellería de Mar e Portos de Galicia no porto da vila
arealonga-o-vicedo-praia
3 Out 2024

No último pleno do Concello do Vicedo, os nacionalistas da man do seu voceiro no municipio, Miguel Gómez Fraga, puxeron enriba da mesa o mal estado do acceso á praia de Arealonga. Aseguran que presenta deficiencias e unha vía moi deteriorada con cunetas sen limpar. "Ademais, en época estival, os veciños vén como se aparca a calquera xeito, dificultando as saídas e os cambios de sentido". Deste xeito, piden ao equipo de Goberno unha actuación urxente.

A sanidade continúa a ser unha das cuestións de actualidade na localidade, polo que preguntaron pola apertura do centro de día e pola cobertura de médicos no centro de saúde do Vicedo, que motivou continuadas manifestacións veciñais. “Das dúas prazas de médico que temos, só se cubre unha de xeito temporal, e non sempre, cando en Viveiro non hai médicos, suplen coa médica que temos aquí". Por este motivo e "en vista de que a Consellaría non quere mellorar a atención primaria no concello", pídenlle ao Goberno que se posicione ao lado dos veciños e que asista ás distintas mobilizacións que se están a organizar.

Por outra banda, os nacionalistas defenden que lles resulta “insuficiente” a inversión por parte da Consellería de Mar e Portos de Galicia no porto da vila. Segundo apuntaban dende a Administración, comezarán os traballos de estabilización do peirao da lonxa no porto do Vicedo que se dividirán en dúas fases e aos que se destinan 55.000 euros. "Dende o BNG cremos que 55.000 euros son moi insuficientes para que o noso porto quede ben reparado e rogámoslle ao equipo de Goberno que traslade a petición dunha maior inversión e mellor revisión do porto, xa que os danos estruturais non só están detrás da lonxa".

0.19482803344727