O BNG do Valadouro reclama o arranxo das pistas danadas pola saca de madeira e esixe aplicar a ordenanza

O BNG do Valadouro volverá levar ao pleno municipal o estado das pistas e camiños do concello. A formación reclama ao goberno local do PP que acometa reparacións nos viais deteriorados e que aplique a ordenanza que regula as actividades de extracción de madeira e reforestación, modificada o pasado mes de marzo por acordo unánime da corporación.
Os nacionalistas lembran que impulsaron aquela modificación ante os danos que, segundo denunciaban, quedaban en determinadas vías despois dos traballos forestais. Os cambios introducidos establecen as obrigas e responsabilidades das empresas, contemplan infraccións e sancións e incorporan a constitución dunha fianza antes de iniciar a actividade para responder polos posibles desperfectos ocasionados en camiños e pistas municipais.
O portavoz do BNG, Eduardo Chao, critica que, seis meses despois da aprobación, o goberno municipal non estea aplicando suficientemente as medidas acordadas. "Desde o BNG propuxemos unha solución, con responsabilidades claras para as empresas, infraccións, sancións e unha fianza que garantise a reparación dos danos", sinala.
Pedrouzos-Chaíño, entre as pistas sinaladas
Un dos exemplos que pon a formación é a pista que comunica Pedrouzos con Chaíño. Chao explica que, cando o BNG estaba á fronte da Concellería de Obras, se reparou o tramo comprendido entre Pedrouzos e o desvío cara á Rapa e que estaba previsto continuar desde este punto ata Chaíño ao longo de tres anualidades.
Segundo o portavoz nacionalista, ese plan non tivo continuidade co actual goberno e o estado da vía segue empeorando. O BNG tamén chama a atención sobre outras pistas municipais, entre elas a que parte de Villares.
Pola súa banda, o concelleiro Eliseo Teijeiro pon o foco na estrada entre Teixeda e Coutemil. A formación sostén que este vial continúa soportando o paso de maquinaria pesada e camións vinculados á extracción de madeira sen que se adopten as medidas necesarias para garantir a súa conservación.
Chao admite que a supervisión das actividades forestais pode resultar complexa, pero considera que o Concello dispón agora de mecanismos para controlar os traballos e reclamar responsabilidades cando se produzan danos.
Por este motivo, o BNG presentará no próximo pleno unha moción para instar ao executivo municipal a actuar con urxencia nas pistas deterioradas e a facer efectiva a ordenanza sobre extracción de madeira e reforestación, incluíndo as modificacións aprobadas en marzo.
"O Concello agora ten ferramentas para actuar. O que fai falta é que o PP as aplique, leve un control real da actividade e garanta que quen deteriora as pistas cumpra coa súa obriga de reparalas", conclúe Eduardo Chao.