O BNG denuncia que O Valadouro segue cun só médico e esixe cubrir as dúas prazas

O BNG do Valadouro volve poñer o foco na situación do centro de saúde e denuncia que, lonxe de solucionarse os problemas de persoal dos últimos anos, o municipio continúa sen contar de maneira estable cos dous médicos que, segundo a formación, lle corresponden. Os nacionalistas reclaman a cobertura inmediata das prazas e anuncian que trasladarán novamente o asunto ao pleno municipal.
A formación lembra que xa denunciou esta situación en febreiro e tamén en anos anteriores, cando as carencias provocaron mobilizacións veciñais. O asunto chegou ademais ao Parlamento de Galicia en abril de 2024 por iniciativa do BNG. Posteriormente, segundo explican os nacionalistas, as prazas foron cubertas provisionalmente, pero consideran que aquela solución tivo un carácter temporal.
O portavoz municipal, Eduardo Chao, asegura que actualmente a situación é moi similar á que motivou aquelas protestas. "Agora mesmo volvemos practicamente ao punto de partida de cando empezaran as mobilizacións, cun facultativo en vez dos dous que nos corresponden, facultativo moitas semanas a tempos intermitentes, e cambiando a miúdo de médico", afirma.
Chao considera que a resposta ofrecida no Parlamento ao deputado nacionalista Daniel Castro xa facía prever que "a solución ía ser un parche". O portavoz sostén ademais que o problema non responde a unha circunstancia imprevista, xa que as vacantes procederían de dúas xubilacións que, segundo argumenta, podían ser anticipadas e planificadas.
COBERTURA INMEDIATA. O grupo municipal reclama que se cubran as prazas de forma urxente e anuncia que volverá abordar o problema no próximo pleno. Tampouco descarta promover novas mobilizacións se a situación continúa. "Non imos permitir que o PP deixe ao Valadouro sen médicos", afirma o concelleiro nacionalista Eliseo Teijeiro.
Ao mesmo tempo, o BNG manifesta o seu apoio aos profesionais que traballan no centro de saúde, aos que desvincula das críticas. A formación considera que o persoal sanitario tamén está sufrindo as consecuencias da falta de efectivos e destaca o esforzo que realiza para atender aos pacientes.
CRÍTICAS AO GOBERNO. Os nacionalistas cargan tamén contra o alcalde, José Manuel Lamela, e o seu equipo de goberno, aos que reprochan falta de iniciativa para reclamar unha solución. Chao e Teijeiro cuestionan as xestións realizadas polo executivo local para conseguir que o centro dispoña novamente dos dous facultativos.
O BNG lembra, neste sentido, que a principios do verán levou ao pleno unha moción para instar ao Goberno autonómico a non pechar 36 camas durante xullo, agosto e setembro no Hospital Público da Mariña. Segundo a formación nacionalista, Lamela e o resto dos representantes municipais do PP votaron en contra da iniciativa.
NOVO DEBATE. A formación tamén relaciona a situación sanitaria coa recente evolución política do Concello, onde se produciu un cambio na Alcaldía durante o actual mandato. Os nacionalistas ironizan con que O Valadouro tivo "dous alcaldes/as" nestes tres anos mentres, sosteñen, seguen faltando dous médicos.
O BNG pretende aproveitar o próximo debate plenario para coñecer a posición dos diferentes grupos e representantes municipais sobre a reclamación sanitaria. A formación interpela tamén á exalcaldesa María José Fernández, lembrando que anteriormente participou nas mobilizacións que reclamaban dous facultativos para o centro de saúde.
Os nacionalistas insisten en que manterán a presión política ata conseguir unha solución estable e reclaman ao Goberno autonómico que garanta a cobertura das prazas para evitar que as ausencias e os cambios de facultativo continúen afectando á atención sanitaria no municipio.