O BNG denuncia opacidade e paralización na reforma do Hospital Asilo de Ribadeo

O grupo municipal do BNG en Ribadeo fixo pública a súa “máxima preocupación” pola situación na que se atopa a reforma do Hospital Asilo, despois de que a pasada semana a Policía Local procedese ao precintado do edificio, xerando unha forte alarma social. Segundo denuncian, o goberno municipal continúa sen ofrecer explicacións nin á veciñanza nin aos grupos da oposición sobre o estado real da actuación.
O novo voceiro nacionalista, Martín Graña, cualificou o proxecto como “fundamental para Ribadeo” e lembrou que acumula atrasos “desde o primeiro momento”. Ao seu xuízo, o alcalde, Dani Vega, empregou reiteradamente a obra para anunciar supostos avances que “hoxe se demostran inexistentes”. O BNG sostén que, mentres desde a Alcaldía se falaba dun bo ritmo de execución, a realidade era de demoras continuas, ata o punto de que a empresa concesionaria entrou en concurso de acredores en novembro de 2025, quedando os traballos completamente paralizados.
Desde a formación nacionalista critican que, tras esa situación, o rexedor se limitase a anunciar unha futura licitación do 13% da obra pendente, sen que meses despois exista ningunha convocatoria formal nin calendario definido. “O único que hai é un edificio precintado e unha fonda incerteza sobre o futuro dunha infraestrutura básica”, sinalan.
O BNG asegura ter solicitado en varias ocasións acceso á documentación e información detallada sobre o proxecto, peticións que, segundo afirman, foron rexeitadas. Tras coñecerse o precinto do inmoble, rexistraron unha nova solicitude formal para consultar o expediente completo, obtendo de novo unha negativa por resposta. Para os nacionalistas, esta actitude supón “unha falta de respecto” tanto cara á oposición como cara á cidadanía.
A obra está financiada coa herdanza do Doutor Moreda e cunha subvención da Xunta de Galicia, fondos que, lembran, deben ser debidamente xustificados. O BNG considera que a veciñanza ten dereito a coñecer como se están a empregar estes recursos públicos, así como a situación das persoas usuarias do Hospital Asilo, actualmente reubicadas en distintos puntos de Galicia xunto ás súas familias.
A formación nacionalista reclama ao alcalde que ofreza explicacións públicas inmediatas e que asuma as responsabilidades políticas que poidan derivarse desta situación. “O que está en xogo non é só unha obra, senón a credibilidade das institucións e o futuro dos servizos públicos en Ribadeo”, conclúen.