O BNG denuncia a saturación do Tribunal de Instancia de Viveiro e reclama máis medios xudiciais

AMariñaXa
A formación nacionalista pide unha nova praza xudicial e reforzos de persoal ante o aumento da carga de traballo nos xulgados da Mariña Occidental
BNG-Mariña-praza-xulgado-viveiro
15 May 2026

O BNG alertou da situación de “sobrecarga estrutural” que, segundo denuncia, sofre o Tribunal de Instancia de Viveiro, un órgano xudicial que presta servizo a sete concellos da Mariña Occidental e a unha ampla área territorial de máis de 600 quilómetros cadrados.

Representantes nacionalistas visitaron este venres as dependencias xudiciais viveirenses para coñecer de primeira man o estado dos diferentes servizos e recoller as demandas do persoal. Na visita participaron os deputados autonómicos Iago Tabarés e Daniel Castro, o deputado no Congreso Néstor Rego, a portavoz municipal en Viveiro Iria Cotelo e o responsable comarcal do BNG Antonio Veiga, acompañados tamén por representantes sindicais.

Durante o percorrido polos xulgados, a comitiva mantivo encontros con traballadoras e traballadores que trasladaron a súa preocupación pola acumulación de expedientes, a demora na tramitación dos asuntos e a insuficiencia de medios humanos para facer fronte á carga de traballo existente.

Desde o BNG sinalan que os datos estatísticos publicados polo Consello Xeral do Poder Xudicial nos últimos exercicios amosan unha situación que consideran xa permanente e non puntual. Segundo explicaron, a falta de persoal nos corpos de xestión procesual, tramitación administrativa e auxilio xudicial está a afectar directamente ao funcionamento ordinario do tribunal e á atención á cidadanía.

Os deputados Iago Tabarés e Daniel Castro advertiron de que a actual dotación de persoal non se corresponde co volume de asuntos que asume o órgano xudicial viveirense, o que está a provocar atrasos na execución de resolucións e dificultades no servizo diario.

Ante esta situación, o BNG anunciou que levará a problemática ao Parlamento de Galicia para instar á Xunta a solicitar ao Ministerio de Xustiza e ao Consello Xeral do Poder Xudicial a creación dunha nova praza xudicial para Viveiro. Ademais, a formación reclamará o incremento inmediato do cadro de persoal nos distintos corpos administrativos e de apoio, así como medidas de reforzo mentres non se cubran as vacantes polos procedementos ordinarios.

O deputado no Congreso Néstor Rego avanzou tamén que trasladará esta situación á Cámara baixa mediante unha iniciativa parlamentaria para reclamar solucións que permitan mellorar o funcionamento da administración de xustiza na comarca.

0.11472320556641