O BNG de Xove reclama unha planificación viaria ambiciosa para a Mariña cunha acción reivindicativa en Pumariño

AMariñaXa
Os nacionalistas denuncian a falta de resposta estrutural da Xunta e do Estado ás necesidades de conexión e desenvolvemento da comarca
XOve-BNG-marina-2025 VAP
31 Dec 2025

O BNG de Xove realizou esta mañá unha acción reivindicativa na ponte de Pumariño, onde colocou unha pancarta para reclamar unha planificación seria, coordinada e de longo percorrido das infraestruturas viarias da Mariña. A iniciativa enmárcase nunha serie de mobilizacións promovidas polo BNG noutros concellos da comarca, co obxectivo de poñer o foco nas carencias históricas que condicionan a mobilidade e o desenvolvemento económico da zona.

A portavoz municipal do BNG de Xove, Pilar Vázquez, explicou que esta acción responde á crecente preocupación polo rumbo que están a tomar os proxectos anunciados recentemente pola Xunta en Viveiro, que, ao seu xuízo, volven apostar por solucións parciais e de curto alcance. Segundo indicou, estas propostas non afrontan o problema estrutural da conexión viaria da Mariña nin responden ás expectativas xeradas durante décadas entre a veciñanza e os sectores produtivos.

Desde a formación nacionalista lembran que foi durante o goberno bipartito da Xunta, no que o BNG tivo responsabilidades, cando se aprobou a variante de Xove, concibida como unha actuación estratéxica para mellorar a seguridade viaria, aliviar o tráfico pesado no núcleo urbano e avanzar cara a un corredor de altas prestacións na costa norte. Para o BNG, aquel proxecto respondía a unha visión global do territorio, fronte á improvisación e á falta de ambición que, aseguran, caracteriza as actuacións actuais do goberno do PP.

Pilar Vázquez tamén puxo o acento na responsabilidade compartida das distintas administracións. Mentres a Xunta, gobernada polo PP, presenta proxectos que rebaixan prestacións e expectativas, o Goberno do Estado, liderado polo PSOE, continúa sen avances reais en infraestruturas clave da súa competencia, como a autovía A-74. Esta falta de compromiso conxunto, segundo sinalou, deixa á Mariña nunha situación de clara desvantaxe respecto a outros territorios.

No caso concreto de Xove, a portavoz do BNG advertiu de que o atraso na industrialización do concello é consecuencia dunha acumulación de factores ao longo dos anos. Á situación sen resolver do dique norte de Morás súmanse unhas infraestruturas viarias claramente insuficientes, que frean calquera expectativa de desenvolvemento industrial. Vázquez criticou que este escenario fose asumido durante anos polos distintos responsables municipais da zona, e de maneira especial polo actual alcalde, sen esixir solucións reais aos gobernos competentes.

Neste contexto, o BNG lembrou que o vindeiro venres 9 de xaneiro, ás 19.00 horas, celebrarase na sala multiusos do concello de Viveiro un acto público aberto á cidadanía no que se analizará a situación das infraestruturas na Mariña. No encontro participarán representantes institucionais e sociais, entre eles a portavoz municipal de Viveiro, Iria Cotelo; o deputado no Congreso, Néstor Rego; o deputado no Parlamento galego, Daniel Castro; e o concelleiro Seve Salgueiro.

⚙ Configurar cookies
0.081517934799194