O BNG de Xove reclama unha mellor planificación dos desbroces nas pistas municipais

AMariñaXa
A formación nacionalista levará ao pleno de setembro unha iniciativa para que o Concello coordine estes traballos atendendo ás necesidades da veciñanza e ao mantemento do patrimonio local
BNG-Xove-2026
Actualizada el 14 julio 2026, 05:04 horas
10 Jul 2026

O BNG de Xove presentará no pleno ordinario do vindeiro mes de setembro unha iniciativa coa que solicitará ao Goberno local unha mellor coordinación e planificación dos traballos de desbroce nas pistas municipais. O obxectivo, segundo explica a formación nacionalista, é que estas actuacións se desenvolvan seguindo criterios organizativos claros e respondan ás necesidades reais do municipio.

Desde o BNG consideran que o mantemento das pistas municipais é unha competencia directa do Concello e que corresponde ao Executivo local organizar estes labores de forma eficiente para optimizar os recursos públicos e ofrecer un mellor servizo á cidadanía. Neste sentido, aclaran que a súa proposta non busca incrementar o número de desbroces, senón mellorar a súa planificación, establecendo prioridades e coordinando os servizos municipais.

A formación defende que a veciñanza, principal usuaria destas vías, debe ser a prioridade á hora de organizar os traballos, polo que consideran que o calendario dos desbroces non debería depender da celebración de festas, actividades ou outras circunstancias puntuais.

O BNG tamén chama a atención sobre a importancia de conservar en boas condicións o patrimonio natural, cultural e arqueolóxico do municipio. Neste sentido, sinala espazos como a Ruta dos Muíños da Rigueira, a Ruta da Costa ou o xacemento arqueolóxico de San Tirso, en Portocelo, recursos turísticos promovidos polo propio Concello que, ao seu xuízo, deberían ofrecer sempre unha imaxe coidada. Segundo indican, non resulta coherente promocionar estes lugares se posteriormente os visitantes atopan a vexetación invadindo os espazos e dificultando o seu acceso.

Os nacionalistas tamén critican o que consideran unha contradición na postura do Partido Popular. Afirman que a formación popular adoita cuestionar os atrasos nos desbroces doutras administracións, pero entenden que esa mesma esixencia debería aplicarse á xestión municipal, xa que o Goberno local tamén é responsable do mantemento das pistas incluídas no inventario do Concello.

Por último, o BNG lembra que hai aproximadamente un ano PP e PSOE apoiaron o traspaso ao Concello da titularidade das estradas provinciais, unha decisión que implica asumir tamén as tarefas de conservación e desbroce. Por iso, consideran que antes de incorporar novas vías ao patrimonio municipal é necesario garantir unha planificación eficaz do mantemento das pistas que xa son competencia da administración local.

0.12324190139771