O BNG de Xove esixe explicacións no Pleno polos informes que cualifican como non apta a auga da rede municipal

O Bloque Nacionalista Galego de Xove levou ao último Pleno municipal unha batería de preguntas dirixidas ao goberno local despois de ter coñecemento de diversas analíticas oficiais que cualifican como non apta para o consumo humano a auga da rede municipal en varios puntos do concello ao longo do ano 2025. Segundo trasladou o grupo nacionalista, estes informes evidencian a existencia de valores irregulares en distintos parámetros de control, o que xerou preocupación pola falta de información á poboación.
De acordo cos datos emitidos polo laboratorio responsable do control da calidade da auga, detectáronse resultados desfavorables en diferentes redes de abastecemento, con presenza de valores anómalos en indicadores como a turbidez, os trihalometanos, o aluminio, os colifagos somáticos ou o índice de Langelier. A pesar destas analíticas negativas, desde o BNG denuncian que o Concello non emitiu ningún aviso á veciñanza nin recomendou limitar ou suspender temporalmente o uso da auga para o consumo doméstico.
Durante o debate plenario, o alcalde explicou que existían contraanalíticas con resultados favorables, que deben ser presentadas nun prazo inferior ás 24 horas. Porén, desde o BNG consideran que ese intervalo de tempo debería ser suficiente para, cando menos, informar ou advertir á poboación dunha posible incidencia, aplicando o principio de precaución. Os nacionalistas subliñan que a transparencia é imprescindible, especialmente nun concello no que, segundo lembran, os problemas de turbidez na auga levan anos repetíndose.
O grupo municipal tamén puxo o foco na necesidade de que todas as decisións relacionadas co consumo da auga se baseen en informes técnicos contrastables, ao tratarse dunha cuestión que afecta directamente á saúde pública. A existencia de resultados contraditorios nas analíticas, apuntan, fai necesario un seguimento rigoroso e unha comunicación clara que garanta a seguridade do subministro.
Así mesmo, o BNG preguntou se os movementos de terra realizados na zona de Gondar puideron ter incidencia na calidade da auga e se o Concello pode asegurar que estas actuacións non alteraron o abastecemento. Os nacionalistas cuestionaron tamén por que non se solicitou á veciñanza a suspensión temporal do uso da auga ante unha situación potencialmente sensible.
O concelleiro do BNG, Miguel X. García Rodríguez, destacou a importancia de actuar con rigor e responsabilidade cando están en xogo cuestións que afectan directamente á saúde pública e insistiu na necesidade de dispoñer de toda a información técnica para garantir unha auga segura e de calidade para a veciñanza de Xove.