O BNG de Xove critica o cambio de postura do PP sobre o centro de día

AMariñaXa
Os nacionalistas lembran que en 2017 o goberno municipal rexeitou a súa proposta para crear esta instalación
Pilar-Vázquez-Sánchez-BNG-Xove-2023
7 Mar 2025

O Bloque Nacionalista Galego de Xove expresa a súa "perplexidade extraordinaria" ante as recentes declaracións do alcalde, Demetrio Salgueiro, apoiando a creación dun centro de día no municipio por parte da asociación COGAMI. O grupo lembra que en 2017 xa levara ao pleno unha moción para promover esta instalación, defendida daquela pola concelleira Luísa Pernas, e que foi rexeitada de maneira radical polo Partido Popular.

Segundo explican desde o BNG, non só houbo unha negativa na votación, senón que o propio alcalde argumentou de maneira extensa en contra da proposta, chegando mesmo a utilizar ataques persoais. "Na opinión dos populares, aquel centro de día non tiña sentido, oportunidade, lugar nin cabida en Xove", sinalan.

Agora, denuncian o cambio de postura do PP e acúsano de "apropiación política" dunha iniciativa que parte dunha entidade privada. Ademais, critican a falta de iniciativa do goberno local para garantir un servizo esencial para a poboación de Xove. "Unha vez máis, vemos como os gobernos do PP apostan pola privatización e externalización dos servizos", conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.18076109886169