O BNG de Xove critica a “falta de transparencia” na reunión informativa convocada por Alcoa en Lago e Morás

AMariñaXa
A formación reclama que toda a veciñanza afectada sexa incluída nos procesos participativos e pide ao alcalde que esixa á empresa un procedemento claro e aberto
Pilar-Vazquez-BNG-Xove-2025
19 Nov 2025

O Bloque Nacionalista Galego de Xove expresou publicamente a súa preocupación polo desenvolvemento da reunión informativa convocada por Alcoa con parte dos residentes das parroquias de Lago e Morás, un encontro ao que tamén asistiu o alcalde. A formación nacionalista cuestiona os criterios empregados para seleccionar ás persoas convidadas, xa que —segundo denuncian— varios veciños e veciñas de Lago, directamente afectados polo proxecto, non recibiron ningunha convocatoria.

Para o BNG, resulta especialmente grave que nunha xuntanza na que se abordou unha cuestión “de tanta relevancia” como a ampliación do embalse de lodos vermellos, non estivesen presentes todos os residentes con dereito a ser informados e escoitados. O partido pregúntase se a responsabilidade desta exclusión recae na multinacional ou no propio Concello, ao non estender a convocatoria a toda a poboación que podería verse afectada.

O Bloque lembra tamén que as veciñas e veciños de Portocelo contan cun plan de evacuación asociado a esta actividade industrial, polo que deben ser considerados igualmente parte afectada. Por este motivo, insisten en que deben ser incluídos en calquera proceso informativo ou participativo relacionado co embalse e coa xestión dos lodos vermellos.

Dende a organización nacionalista reclaman “transparencia, información veraz e participación real” da cidadanía en todas as decisións que poidan ter impacto na súa seguridade, saúde ou calidade de vida. Así mesmo, consideran imprescindible que quen teña a responsabilidade no deseño da reunión explique publicamente os motivos polos que unha parte da veciñanza quedou excluída.

O BNG insta ao alcalde de Xove a demandar á empresa “un procedemento comunicativo aberto, plural e rigoroso”, que garanta que a información chegue a todas as persoas afectadas e que estas poidan participar con plenas garantías nos debates sobre un proxecto que consideran de máxima importancia para o municipio.

⚙ Configurar cookies
0.070662021636963