O BNG de Xove apoia a ampliación do polígono de Camba pero denuncia falta de lealdade institucional

O BNG de Xove valorou positivamente o anuncio da ampliación do polígono industrial de Camba, aínda que expresou o seu malestar pola forma na que se desenvolveu a visita institucional na que se deu a coñecer esta actuación. A formación considera que se trata dunha boa nova para o municipio, pero cuestiona que non se tivese en conta á totalidade da corporación municipal.
Segundo explican dende o grupo nacionalista, tiveron coñecemento da reunión a través das redes sociais do propio Concello, onde se informaba dun encontro mantido pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, co alcalde, parte do goberno local, o xerente de Xestur e representantes do tecido empresarial xovense no salón de plenos.
A voceira do BNG, Pilar Vázquez, criticou que nin a súa formación nin o Partido Socialista fosen convidados nin informados previamente. “Considerando que se trata dunha boa nova para o concello, o mínimo sería contar coa corporación municipal ao completo, xa que está formada por tres grupos políticos e non só por un”, sinalou.
Vázquez cualificou esta situación como unha mostra de “deslealdade institucional”, ao entender que se exclúe unha parte significativa da representación veciñal. Neste sentido, lembrou que o BNG representa a arredor de 650 persoas no municipio, mentres que o PSOE conta con 227 apoios, polo que a oposición suma un 41% da veciñanza que, ao seu xuízo, “non se ve reflectida neste tipo de actos nin na comunicación oficial”.
En relación co anuncio da ampliación do polígono de Camba, a formación nacionalista recoñeceu que se trata dunha reivindicación histórica do empresariado local. “É unha infraestrutura que leva quedándose pequena practicamente dende a súa creación, polo que nos alegramos desta noticia e agardamos que teña un impacto positivo na economía de Xove”, indicou a portavoz.
Con todo, o BNG tamén puxo o foco no contexto no que se producen este tipo de anuncios. “Non deixa de ser chamativo que se repitan en anos electorais ou en períodos previos ás eleccións municipais”, apuntou Vázquez, quen engadiu que esperan que esta actuación sirva tamén para avanzar noutros proxectos pendentes, como o relacionado coa mellora do abastecemento de auga no municipio.