O BNG de Viveiro reclama a cesión gratuíta de bens da SAREB para impulsar vivenda pública

AMariñaXa
Seve Salgueiro e Iria Cotelo propoñen que o patrimonio da entidade bancaria se destine a ampliar a oferta residencial pública, ante as dificultades para acceder á vivenda no municipio
Seve-Salgueiro BNG Viveiro-Candidato-ao-Congreso
26 Nov 2026

O BNG de Viveiro rexistrou unha moción para debater no pleno municipal coa que pretende que o Concello inste tanto ao Goberno estatal como á Xunta de Galicia a acordar a cesión gratuíta dos inmobles e terreos que a Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (SAREB) ten no municipio, co propósito de destinalos a vivenda pública e poñelos ao servizo da cidadanía.

O concelleiro e candidato do BNG ao Congreso, Seve Salgueiro, considera que non resulta razoable que, nun contexto de dificultades cada vez maiores para acceder á vivenda, existan propiedades da SAREB sen uso ou sometidas a criterios exclusivamente financeiros. O nacionalista lembra que esta entidade está controlada maioritariamente polo Estado e que a súa creación contou con importantes recursos públicos, con avais que, segundo sinala, alcanzaron os 50.800 millóns de euros, unha cifra que cifra en 17 veces o investimento en vivenda previsto para 2026.

Salgueiro defende que estes activos deben cumprir unha función social e non quedar vinculados a dinámicas especulativas. Así, lembra que o BNG leva tempo reclamando no ámbito estatal que os inmobles da SAREB se transfiran sen custo ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para incorporalos ao parque público residencial. A proposta, segundo avanzou, volverá formar parte das demandas que a formación nacionalista trasladará ao Goberno central.

A portavoz municipal do BNG, Iria Cotelo, alerta pola situación do mercado residencial en Viveiro, onde, segundo expón, o encarecemento dos prezos de compra e alugueiro e a falta de oferta estable durante todo o ano están dificultando cada vez máis o acceso á vivenda.

Cotelo identifica os terreos situados na Pontelabrada e unha vivenda no casco histórico como os activos da SAREB que, ao seu xuízo, ofrecen maiores posibilidades para avanzar con rapidez na creación de vivenda pública. Por iso, a moción propón que o Concello solicite ao Estado a transferencia gratuíta destes bens para poñelos a disposición do IGVS, ao que pide asumir o compromiso de adquirilos e dotarse dos recursos necesarios para construír novas vivendas ou rehabilitar as existentes.

0.14400696754456