O BNG de Viveiro propón unha ordenanza contra o ruído para mellorar a convivencia

AMariñaXa
A formación quere regular os ruídos relacionados coa hostalería, terrazas, obras, tráfico, festas e outras actividades e propón que o borrador estea listo nun máximo de seis meses
Grupo-municipal-BNG-Viveiro-maio-2026
27 Aug 2026

O BNG de Viveiro levará ao Concello a proposta de elaborar unha Ordenanza Municipal de Protección contra a Contaminación Acústica coa finalidade de establecer unha regulación propia e actualizada sobre os ruídos e ofrecer ferramentas para actuar ante os problemas que afectan ao descanso da veciñanza.

A iniciativa abrangue diferentes fontes de contaminación acústica, entre elas as actividades hostaleiras e de ocio, as terrazas, a música e os equipamentos sonoros, as obras e a maquinaria, o tráfico, as operacións de carga e descarga, as festas e eventos e determinadas actividades desenvolvidas nos espazos públicos.

A portavoz municipal do BNG, Iria Cotelo, considera necesario contar cunha normativa "propia, clara e actualizada que permita previr os problemas de ruído, mellorar a convivencia e dar unha resposta eficaz ás demandas da veciñanza".

Segundo explica, o obxectivo non pasa unicamente por actuar cando se produce un conflito, senón tamén por establecer previamente unhas regras coñecidas por residentes, negocios, entidades e administración. "Trátase de establecer regras claras e coñecidas por todas as partes, que permitan actuar ante situacións que afectan á saúde, ao descanso e á calidade de vida da veciñanza", sinala.

Cotelo defende ademais que unha ordenanza destas características proporcionaría maior seguridade xurídica tanto á cidadanía como ao propio Concello, ao concretar as normas que deben cumprirse e os mecanismos de actuación ante posibles incumprimentos.

Unha proposta que xa chegou ao Pleno en 2019

A formación nacionalista lembra que en 2019 o Pleno municipal xa aprobou unha iniciativa do BNG para avanzar nesta materia. Aquela proposta incidía especialmente na necesidade de prestar atención ás zonas nas que se concentra un maior número de actividades susceptibles de xerar ruído.

Agora, o grupo municipal considera necesario recuperar aquel compromiso ante as queixas e reclamacións que, segundo sinala, se están rexistrando especialmente durante este verán.

A moción presentada polo BNG propón iniciar de maneira inmediata os traballos para redactar a ordenanza e abrir o proceso á participación dos diferentes sectores do municipio. Entre eles inclúe aos grupos políticos municipais, asociacións veciñais, hostaleiros e comerciantes, entidades culturais e festivas e outros colectivos de Viveiro.

A proposta establece tamén un calendario concreto: o BNG pide que o borrador da nova normativa estea preparado para a súa aprobación inicial polo Pleno nun prazo máximo de seis meses.

"É necesario dotar Viveiro desta ferramenta para mellorar a convivencia, protexer os dereitos da veciñanza e dar tamén seguridade xurídica á actuación municipal", conclúe Cotelo.

0.15634322166443