O BNG de Viveiro propón a recuperación integral da área recreativa de Portochao para mellorar o seu uso social e ambiental

O Grupo Municipal do BNG de Viveiro presentará no próximo pleno unha moción para impulsar a rehabilitación completa da área recreativa de Portochao, un enclave natural moi frecuentado tanto pola veciñanza como por visitantes pola súa conexión directa co paseo fluvial do río Landro.
A formación nacionalista considera que se trata dun espazo cun “alto potencial social, ambiental e turístico”, aínda que na actualidade presenta deficiencias como mobiliario deteriorado, ausencia de xogos infantís e presenza de especies vexetais invasoras que afectan ao seu estado de conservación.
A portavoz do BNG, Iria Cotelo, defende a necesidade dunha intervención global para transformar Portochao nun espazo máis seguro, funcional e atractivo. “É unha zona privilexiada que merece unha actuación seria para que as familias poidan desfrutar dun entorno coidado e accesible”, sinala.
A proposta inclúe traballos de limpeza, renovación de mobiliario urbano e substitución de elementos deteriorados, así como a mellora da sinalización e dos paneis informativos. Tamén se aposta pola naturalización da área mediante a plantación de especies autóctonas e a eliminación de invasoras como o plumacho.
Ademais, o BNG propón a creación dun novo espazo de xogos infantís e a habilitación dunha área para autocaravanas, co obxectivo de ordenar usos e potenciar o turismo sostible.