O BNG de Viveiro pide cambios no proxecto de Gadis para garantir un mellor encaixe urbano e comercial

AMariñaXa
A formación nacionalista presenta alegacións ante Portos de Galicia para reclamar máis integración paisaxística, protección do emprego e medidas que minimicen o impacto sobre o comercio local
Viveiro-Gadis
12 May 2026

O BNG de Viveiro presentou alegacións ao proxecto impulsado por Gadis para renovar as súas instalacións e ampliar a concesión administrativa no porto da cidade. A formación nacionalista considera positiva a continuidade da actividade comercial neste espazo, pero defende que a actuación debe incorporar modificacións importantes para garantir o interese xeral e unha mellor integración co entorno urbano.

Desde o Bloque sinalan que o proxecto actual presenta carencias relacionadas coa súa integración paisaxística, a organización do espazo exterior e o posible impacto sobre o pequeno comercio e a praza de abastos. Por iso, reclaman unha revisión que permita compatibilizar a modernización das instalacións cun desenvolvemento máis equilibrado e respectuoso coa contorna.

A portavoz nacionalista, Iria Cotelo, destacou que a renovación “non pode limitarse unicamente á mellora dunha superficie comercial”, senón que debe contribuír tamén a mellorar a imaxe e a funcionalidade dunha zona moi visible da vila. Neste sentido, o BNG aposta por humanizar o espazo exterior mediante a reorganización do estacionamento, a redución de superficie asfaltada, a eliminación de elementos considerados discordantes e a creación de máis zonas verdes nas proximidades da ría.

Outro dos aspectos que preocupa á formación é a repercusión laboral da modernización prevista. O BNG considera necesario garantir o mantemento do emprego no caso de introducir sistemas de autocobro, evitando que a implantación de novas tecnoloxías supoña unha redución de postos de traballo.

A convivencia coa praza de abastos e co comercio local é outro dos puntos recollidos nas alegacións. Os nacionalistas insisten en que ambos forman parte da identidade económica e social de Viveiro e consideran fundamental que o novo proxecto non xere un desequilibrio no tecido comercial da zona.

Tamén cuestionan a solución arquitectónica proposta para a reforma do edificio, especialmente polo impacto visual que podería ter nun espazo situado á entrada da vila e nas inmediacións da ría. O BNG entende que unha concesión nun solo público debe esixir maiores niveis de integración estética e paisaxística, cun deseño máis acorde coa contorna urbana e marítima de Viveiro.

0.1272280216217