O BNG de Viveiro leva ao pleno propostas de mellora en Covas, Magazos e Portochao

AMariñaXa
O grupo nacionalista reclama actuacións en seguridade viaria, reparacións pendentes e a recuperación de espazos públicos degradados
BNG-Viveiro
5 May 2026

O Bloque Nacionalista Galego de Viveiro presentará no próximo pleno municipal un conxunto amplo de iniciativas dirixidas a mellorar diferentes puntos do concello, con especial atención á parroquia de Covas, á recuperación de espazos públicos e á execución de actuacións que, segundo a formación, levan anos pendentes. A portavoz municipal, Iria Cotelo, subliña que estas propostas responden a demandas veciñais “que non están a recibir unha resposta efectiva por parte do goberno local”.

No que respecta a Covas, o BNG formula tres rogos centrados en distintas necesidades da zona. Por unha banda, solicita que as obras de mellora que se están a desenvolver na Avenida de Santiago, coñecida popularmente como o barrio do Conexo, incorporen medidas de calmado de tráfico. Cotelo explica que a veciñanza leva tempo alertando da excesiva velocidade dos vehículos nunha vía moi transitada, polo que considera “imprescindible aproveitar a intervención para introducir elementos que reforcen a seguridade viaria”.

Nunha liña similar, o grupo nacionalista recolle as queixas dos residentes nos barrios das Congostras, Alvarelle e O Pedregal, onde o firme das vías presenta un avanzado estado de deterioro. Segundo denuncia a portavoz, existen fendas importantes no pavimento que xa provocaron danos en vehículos e mesmo caídas de peóns, o que evidencia, ao seu xuízo, a necesidade dunha actuación global de reparación.

Ademais destas novas propostas, o BNG insiste en cuestións que xa foran levadas con anterioridade ao pleno. Unha delas é a mellora da seguridade viaria na travesía de Cantarrana, onde propoñen reorganizar o estacionamento mediante prazas en espiga e buscar solucións alternativas na contorna. Cotelo defende que se trata de compatibilizar a mobilidade coa orde viaria e coa dispoñibilidade de espazos seguros para aparcar.

Outra das demandas reiteradas é a reparación da ponte da Carreira, en Magazos, inutilizada desde a riada de 2018. A portavoz lembra que a súa rehabilitación figuraba entre os compromisos adquiridos no seu momento para garantir o apoio ao actual goberno local, mais critica que, a día de hoxe, a actuación segue sen executarse nin contar cun calendario definido. Engade que se trata dunha infraestrutura esencial tanto para a veciñanza como para o sector gandeiro, que se ve obrigado a realizar desprazamentos máis longos pola súa inoperatividade, polo que reclama que a súa reparación deixe de adiarse.

Desde o BNG de Viveiro insisten en que o seu labor pasa por trasladar ao pleno as preocupacións da cidadanía e reclaman ao goberno municipal unha maior axilidade e vontade política para dar resposta a problemas que afectan directamente á vida diaria da veciñanza.

Dentro deste conxunto de iniciativas, o grupo nacionalista presenta tamén unha proposta específica para o acondicionamento integral da área recreativa de Portochao, situada na parroquia de Galdo. Cotelo sinala que se trata dun espazo con potencial, pero que presenta na actualidade un estado de conservación mellorable.

A proposta inclúe a recuperación do mobiliario deteriorado, a reposición de xogos infantís retirados por seguridade e a eliminación de especies invasoras, como os plumachos. Ademais, lembra que a zona está a ser utilizada por autocaravanas, existindo un acordo previo para habilitala para ese uso.

O BNG aposta así por un proxecto de recuperación integral que contemple tarefas de limpeza, renovación do mobiliario, reparación de mesas e bancos, substitución de paneis informativos e a mellora da contorna mediante a plantación de especies autóctonas que acheguen sombra e valor ambiental. Tamén propón delimitar claramente os usos do espazo coa creación dunha zona específica para autocaravanas e outra de lecer familiar, garantindo a convivencia de todas as persoas usuarias.

0.14794206619263