O BNG de Viveiro esixe recuperar a variante da VAC da Costa Norte e rexeita o novo proxecto da Xunta

O Grupo Municipal do BNG en Viveiro levará ao pleno de xuño unha iniciativa na que reclama á Xunta de Galicia a recuperación da Variante de Viveiro integrada na Vía de Alta Capacidade (VAC) da Costa Norte, fronte á proposta actual dun trazado convencional que a formación considera insuficiente para as necesidades presentes e futuras da comarca.
A portavoz do BNG, Iria Cotelo, advertiu de que a decisión do Goberno galego supón “un novo episodio de abandono a Viveiro e á Mariña tras décadas de promesas incumpridas”. Segundo sinala, trátase dunha infraestrutura fundamental para o desenvolvemento económico e social do municipio: “Non podemos aceptar que Viveiro siga sendo a única cidade de máis de 250 quilómetros de costa entre Ferrol e Avilés sen unha variante en condicións”, afirmou.
Cotelo explicou que a alternativa presentada pola Xunta rebaixa o alcance inicial da VAC e substitúe a vía de alta capacidade por unha estrada convencional con características que cualifican de “claramente insuficientes”, con velocidades reducidas, numerosas curvas de pequeno radio e tramos con fortes pendentes.
O BNG lembra que este proxecto leva máis de dúas décadas incluído nos plans de infraestruturas da Xunta e denuncia que permanece paralizado desde 2009, a pesar dos avances rexistrados en etapas anteriores. A formación sostén que a opción actual “non resolve os problemas de tráfico nin mellora a conexión co resto de Galicia”.
Critican ademais que o deseño previsto podería empeorar a mobilidade interna, xa que algúns enlaces obrigarían a atravesar zonas urbanas como Magazos e Landrove, mentres outros conectarían con vías estreitas e con capacidade limitada, pouco axeitadas para o tráfico pesado.
Iria Cotelo tamén cuestiona os criterios técnicos empregados pola Xunta, asegurando que o estudo “está orientado a xustificar unha decisión xa tomada” e que penaliza elementos propios dunha infraestrutura moderna, como viadutos ou trazados máis eficientes.
“Estamos ante unha infraestrutura claramente insuficiente para o presente e o futuro de Viveiro”, afirmou a portavoz nacionalista, quen engadiu que este modelo “condena o municipio á parálise e limita as súas posibilidades de desenvolvemento económico e industrial”.
O BNG pregúntase por que a comarca debe conformarse cunha vía de menor nivel mentres noutras zonas do país se executan infraestruturas de alta capacidade. “O que reclamamos é o que nos corresponde e o que se nos prometeu”, subliñou Cotelo.
A moción que se presentará no pleno propón que a corporación municipal rexeite a renuncia da Xunta á VAC da Costa Norte, reclame a recuperación do proxecto orixinal xa recollido no PXOM e solicite unha revisión dos estudos técnicos baseada en criterios obxectivos de capacidade, mobilidade e desenvolvemento futuro.
Os acordos serán trasladados á Xunta de Galicia, ao Parlamento galego e aos concellos da comarca da Mariña. Ademais, o BNG avanzou que presentará alegacións aos estudos informativos e de impacto ambiental das variantes previstas para Viveiro.