O BNG de Viveiro critica o estado dos parques infantís e acusa ao PP de abandono

O BNG de Viveiro denunciou publicamente o estado de conservación de varios parques infantís do municipio, sinalando especialmente o caso do espazo de Lodeiro, onde aseguran que existen deficiencias que afectan á seguridade e ao uso destas instalacións por parte das crianzas.
A formación nacionalista sostén que durante o período no que formou parte do goberno municipal xunto ao PSOE impulsou actuacións para arranxar e renovar os xogos infantís, mellorando así estes espazos públicos. Pola contra, critican que na actualidade, baixo a xestión do Partido Popular, non se estean a realizar labores de mantemento nin de actualización das instalacións.
Segundo indican, no parque de Lodeiro poden observarse elementos deteriorados como parafusos saíntes, estruturas con táboas rotas, zonas con pintura deteriorada e sucidade acumulada, ademais de bordes de escaleiras en mal estado. Unha situación que, ao seu xuízo, require unha intervención urxente.
Desde o BNG consideran que o coidado destes espazos resulta fundamental, non só pola súa función lúdica, senón tamén pola súa importancia na seguridade e no benestar das crianzas e das familias que fan uso deles.
Neste contexto, a formación preséntase como alternativa de goberno e aposta por recuperar políticas de mantemento e renovación dos parques infantís, co obxectivo de garantir instalacións seguras, accesibles e en boas condicións para o seu uso diario.