O BNG de Viveiro alerta da falta de persoal no CIM e esixe medidas urxentes para garantir o servizo

AMariñaXa
Os nacionalistas denuncian a ausencia de asesoramento xurídico e apoio psicolóxico e advirten da vulnerabilidade das usuarias
BNG-Viveiro
23 Apr 2026

O Bloque Nacionalista Galego de Viveiro denunciou a situación que atravesa o Centro de Información á Muller (CIM) do municipio, que actualmente non conta con persoal técnico esencial para o seu funcionamento, ao carecer tanto de servizo de asesoramento xurídico como de atención psicolóxica.

Desde a formación nacionalista advirten de que esta carencia deixa nunha situación de especial vulnerabilidade ás mulleres de Viveiro e da súa contorna que recorren a este recurso en busca de apoio, orientación ou acompañamento, especialmente en contextos relacionados coa violencia machista.

No que respecta á praza de avogada, o BNG lembra que permanece sen cubrir debido a unha ausencia prolongada, unha circunstancia que permitiría a súa substitución temporal conforme á normativa vixente. Porén, critican que o goberno municipal non adoptase ningunha medida para garantir a continuidade deste servizo básico.

En canto á atención psicolóxica, a situación tamén preocupa á formación, que sinala que, aínda que a praza está incluída na oferta de emprego deste ano, o proceso pode demorarse durante meses, o que prolongaría a falta de cobertura nun ámbito considerado fundamental.

A portavoz do BNG de Viveiro, Iria Cotelo, cualificou o escenario como “absolutamente inaceptable” e subliñou que o executivo local non pode permitir que un recurso esencial como o CIM funcione sen profesionais. “Hai mecanismos legais para cubrir de forma temporal a praza de avogada e non se están a utilizar, mentres que no caso da psicoloxía nin sequera se iniciou o proceso”, afirmou.

Cotelo incidiu en que esta situación supón, na práctica, deixar sen atención a mulleres que precisan un servizo clave, especialmente en momentos de dificultade. Por este motivo, o BNG reclama a cobertura inmediata e provisional da praza de asesoramento xurídico, así como a convocatoria urxente da praza de psicoloxía para restituír o funcionamento completo do CIM.

A formación nacionalista insiste na necesidade de actuar con rapidez para garantir un servizo público de calidade e reafirma o seu compromiso coa igualdade e coa defensa dos dereitos das mulleres.

0.13647294044495