O BNG de Viveiro acusa ao PP de manipular os horarios dos plenos para silenciar á oposición

O BNG de Viveiro vén de denunciar publicamente o que considera “un novo intento do goberno municipal do PP de Mariña Gueimunde de dificultar a participación democrática e silenciar as voces disidentes”. A formación nacionalista critica a recente convocatoria dun pleno extraordinario “sen previo aviso e rachando co horario consensuado por toda a corporación”.
Segundo sinalan, a sesión foi anunciada a última hora da mañá do día anterior e fixada para as 9:00 da mañá do día seguinte, “nun horario completamente incompatible coa conciliación familiar e laboral das concelleiras da oposición”. O BNG lembra que os plenos víñanse celebrando ás 19:30 h, tras un acordo unánime que buscaba garantir a participación de todos os grupos.
“O que fai o PP é impedir que poidamos asistir con normalidade, utilizando os horarios como ferramenta de exclusión”, denuncian desde o Bloque. “Non é unha cuestión de urxencia, senón unha decisión premeditada para reducir o debate político e eliminar as voces que non lle aplauden todo ao goberno municipal”, engaden.
Para o BNG, a actitude do executivo local “evidencia unha falsa vontade de diálogo, que en realidade se traduce en imposicións unilaterais, improvisacións constantes e falta de respecto institucional”. Critican tamén que non se fixo ningunha chamada para consensuar a data nin o horario do pleno, malia tratarse dunha convocatoria extraordinaria.
“A democracia non se constrúe rachando acordos nin xogando co calendario”, insisten. “A democracia deféndese garantindo espazos reais de participación e diálogo, e non manipulando os procedementos para deixarnos fóra”.
Desde o BNG remarcan que seguirán denunciando publicamente estas prácticas e esixen ao goberno de Mariña Gueimunde que “rectifique e retome o espírito de consenso que sempre debe rexer a vida institucional”.
