O BNG de Ribadeo propón investir 100.000 euros do Plan Deputación 2026 no saneamento rural

AMariñaXa
A iniciativa será debatida no pleno do 27 de xaneiro e busca retomar actuacións moi demandadas pola veciñanza das parroquias
Ribadeo-BNG-xuno-2025
27 Jan 2026

O grupo municipal do BNG de Ribadeo vén de rexistrar unha moción para o seu debate no próximo pleno na que propón destinar 100.000 euros do Plan Deputación 2026 á execución de obras de saneamento nas zonas rurais do municipio. A formación nacionalista xustifica esta proposta ante a ausencia de partidas específicas para este tipo de actuacións no proxecto de orzamentos municipais do vindeiro ano.

Desde o BNG lembran que a mellora das redes de saneamento é unha das principais reclamacións da veciñanza que reside tanto nas parroquias do interior como nas zonas costeiras do concello. Consideran, ademais, que a consignación destes fondos permitiría reactivar un proceso de actuacións que nos últimos anos quedou paralizado, malia tratarse dun servizo básico para garantir a calidade de vida no rural.

O voceiro municipal do BNG, Pablo Vizoso, subliña que “o saneamento é unha das infraestruturas máis necesarias no rural, aínda que supón un investimento elevado que obriga a planificar as actuacións a medio e longo prazo”. Neste sentido, lembrou que durante os anteriores gobernos nacionalistas existía unha programación estable que permitía avanzar de forma continuada na extensión destas redes, reservando cada exercicio unha partida específica nos orzamentos municipais.

Vizoso sinala que, ao revisar o orzamento previsto para 2026, o BNG comprobou que non se recolle ningunha dotación económica destinada a obras de saneamento, pese a seguir sendo unha demanda recorrente entre a poboación rural. Por este motivo, consideran que o Plan Deputación representa unha oportunidade para iniciar de novo este tipo de intervencións, cunha achega inicial que permita sentar as bases de futuras actuacións.

A moción será debatida no pleno ordinario do martes 27 de xaneiro e desde o BNG confían en obter o respaldo do conxunto da corporación. “Sabemos que esta cantidade non resolve o problema na súa totalidade, pero é un punto de partida necesario. Hai que priorizar o esencial, e o saneamento debe ocupar un lugar central nas políticas municipais”, concluíu o portavoz nacionalista.

⚙ Configurar cookies
0.079382181167603