O BNG de Ribadeo propón a creación dun novo campo de herba artificial na zona do Pepe Barrera

AMariñaXa
A moción presentada busca responder á crecente demanda deportiva e mellorar as instalacións do municipio
Imaxe do BNG Ribadeo moción artificial
20 sep 2024

O BNG de Ribadeo deu un paso adiante esta mañá ao presentar unha moción que será debatida no próximo pleno municipal, na que se solicita ao goberno local que inicie os trámites para a construción dun novo campo de herba artificial nas inmediacións da piscina municipal e do Pepe Barrera.

O voceiro do BNG, Pablo Vizoso, destacou a importancia desta iniciativa, subliñando que a demanda por novas instalacións deportivas creceu nos últimos anos. “É fundamental contar cun novo campo que permita non só atender as necesidades dos equipos, senón tamén preservar en boas condicións os campos de herba natural que xa temos”, explicou.

Vizoso argumentou que a elección do anexo do Pepe Barrera é estratéxica por varias razóns. En primeiro lugar, a súa accesibilidade facilita o transporte para familias e deportistas. Ademais, a proposta permitiría levar a cabo a construción en diferentes fases, aproveitando as infraestruturas existentes e optimizando así o uso das partidas orzamentarias. Finalmente, a integración do novo campo na zona deportiva consolidaría un espazo que xa alberga a piscina e outras instalacións.

“Ribadeo ten avanzado moito nos últimos anos en materia deportiva, e agora, tras completar unha parte do mandato, é imprescindible abordar esta cuestión. Agardamos contar co apoio maioritario do pleno para que esta proposta se converta en realidade”, concluíu Vizoso, apelando á colaboración e xenerosidade dos grupos municipais en prol do benestar da veciñanza.

0.14725184440613