O BNG de Ribadeo pide activar o Plan Especial das Catedrais e crear un aparcadoiro público de pago

O BNG de Ribadeo levará ao próximo Pleno municipal unha moción para reclamar a posta en marcha efectiva do Plan Especial de Protección das Catedrais, aprobado en 2020 e que, segundo os nacionalistas, permanece paralizado desde 2023 sen que se desenvolvesen as actuacións previstas para ordenar e protexer este espazo.
A formación considera que o elevado número de visitantes, especialmente durante a temporada alta, está a incrementar a presión sobre a contorna do Monumento Natural. O tráfico, os problemas de estacionamento e a concentración de persoas son algunhas das cuestións que, ao seu xuízo, fan necesario avanzar cara a un modelo de xestión máis planificado.
"Non podemos seguir xestionando As Catedrais desde a improvisación", afirmou o portavoz municipal do BNG, Martín Graña, quen lembrou que Ribadeo xa dispón dunha ferramenta para abordar esta situación. "Temos un Plan Especial aprobado desde hai anos e o que falta é poñelo en marcha, ordenar o recurso e dotar o Monumento Natural das infraestruturas necesarias para protexelo", sostivo.
O documento aprobado en 2020 establece a ordenación deste ámbito e contempla actuacións relacionadas cos accesos, os aparcadoiros, os equipamentos e os usos. Por iso, o Bloque considera que o Concello debe comezar a executar as medidas recollidas nel para ordenar os fluxos turísticos, mellorar os servizos e compatibilizar a actividade turística coa conservación do espazo.
APARCADOIRO
Unha das principais propostas pasa pola construción dun novo aparcadoiro público, regulado e de pago, que o BNG considera que debe situarse entre as primeiras actuacións que se desenvolvan. A formación lembra que os terreos necesarios xa foran expropiados durante a etapa do anterior goberno nacionalista.
O obxectivo sería reducir a presión dos vehículos sobre a contorna inmediata da praia e, ao mesmo tempo, conseguir que a elevada afluencia turística xere recursos que poidan reverter no municipio.
"As Catedrais non poden ser simplemente un lugar ao que cada vez chegan máis visitantes sen que Ribadeo dispoña dos medios para xestionar esa afluencia", explicou Graña. O portavoz considera que "o aparcadoiro debe servir para ordenar, pero tamén para que este recurso xere recursos económicos que poidan reverter no propio Concello".
Neste sentido, o BNG propón que os ingresos municipais obtidos mediante a regulación do estacionamento poidan destinarse, a través da correspondente planificación orzamentaria, á conservación e mellora das Catedrais e da súa contorna, pero tamén a outras actuacións e servizos públicos de interese xeral.
"As Catedrais son un recurso de todos e para todos e para iso se aprobou, precisamente, o Plan Especial no seu momento. Non queremos que Ribadeo se limite a soportar a presión turística: queremos que ese recurso estea ordenado, protexido e que xere beneficios para o conxunto do concello", incidiu Graña.
VISITANTES
A moción introduce tamén o debate sobre a capacidade real do espazo durante os períodos de maior afluencia. Os nacionalistas propoñen analizar se é necesario modificar ou actualizar o número de pases diarios de acceso que se conceden en temporada alta para evitar episodios de saturación.
"Se sabemos que As Catedrais é un espazo especialmente sensible, temos que actuar en consecuencia", argumentou o portavoz. Graña considera contraditorio defender a conservación do Monumento Natural mentres se permite unha presión excesiva de visitantes sobre a praia.
A proposta inclúe, ademais, evitar na medida do posible a celebración futura de macroeventos na contorna das Catedrais. O BNG entende que a conservación debe situarse por diante da organización de actividades que poidan aumentar aínda máis a concentración de persoas nun enclave ambientalmente sensible.
FINANCIAMENTO
O Bloque considera igualmente que o desenvolvemento do Plan Especial non debe depender unicamente dos recursos municipais. Por este motivo, reclama que o Concello abra negociacións coa Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo, a Administración Xeral do Estado e outras administracións competentes para procurar a súa participación técnica e económica.
"As Catedrais son un recurso de dimensión supramunicipal e a súa xestión non pode recaer exclusivamente sobre o Concello de Ribadeo", defendeu Graña. "Precisamos que as distintas administracións se impliquen e acheguen recursos para facer realidade as actuacións que leva anos contemplando o Plan Especial", engadiu.
PROTECCIÓN
A iniciativa que chegará ao Pleno concrétase así en cinco peticións: activar definitivamente o Plan Especial das Catedrais, buscar financiamento doutras administracións, iniciar os trámites para o novo aparcadoiro, estudar unha posible revisión do número de pases e evitar macroeventos na contorna do Monumento Natural.
Para o BNG, o obxectivo último é cambiar a maneira de abordar un dos principais recursos turísticos e naturais de Ribadeo. A formación aposta por compatibilizar a chegada de visitantes coa conservación do enclave e conseguir, ao mesmo tempo, que a actividade xerada arredor das Catedrais teña un retorno público para o municipio.