O BNG de Ribadeo denuncia que os colectores soterrados da rúa Clemente Martínez Pasarón levan máis dun mes sen baleirar

O BNG de Ribadeo reclama ao Goberno local que resolva os problemas de funcionamento dos colectores soterrados da rúa Clemente Martínez Pasarón, que, segundo denuncia a formación, levan máis dun mes sen ser baleirados. A situación foi trasladada polos propios veciños, que alertan das posibles consecuencias para a limpeza e a salubridade da zona.
Os nacionalistas critican que o Executivo municipal levase máis dun mes sen dar resposta a esta problemática e instan a adoptar medidas para evitar que a acumulación de residuos poida xerar problemas de hixiene na contorna.
Nunha actualización sobre o estado dos depósitos, o BNG sinala que, a 31 de outubro, só se baleirara aproximadamente a metade. Ademais, indica que outros colectores permanecían precintados, polo que non era posible comprobar visualmente se estaban cheos nin confirmar se foran reparados.
A formación considera necesario actuar para recuperar o funcionamento normal do servizo e atender as queixas da veciñanza afectada.