O BNG de Ribadeo denuncia que o Goberno municipal impide acceder a información sobre o gasto do 2024

AMariñaXa
Aseguran que desde o Concello denegouse o acceso a esta información alegando que os datos requiridos xa serían postos en coñecemento dos membros da corporación
bng-ribadeo
2 Out 2024

O grupo municipal do BNG denuncia que o Goberno municipal denega á oposición o acceso á información sobre a conta de ingresos e gastos por partidas do ano 2024 a 18 de setembro deste mesmo ano. Como vén facendo en todo o mandato, o grupo municipal do BNG fixo uso do seu dereito a información pública por parte dos cargos públicos e solicitou, o pasado 18 de setembro, o acceso aos antecedentes, datos ou informacións sobre a conta de ingresos e gastos por partidas do ano 2024.

Aseguran que desde o Concello denegouse o acceso a esta información alegando que os datos requiridos xa serían postos en coñecemento dos membros da corporación no momento de efectuar a liquidación. “Atopámonos coa sorpresa de que, nun paso máis na deslealdade e falta de compromiso democrático, o goberno do PP decidiu que non ía poñer a disposición deste grupo municipal unha información relevante para coñecer a situación do gasto no que vai de ano”, afirma o voceiro do BNG ribadense, Pablo Vizoso.

“Levamos denunciando, desde case o comezo do mandato, un despilfarro descontrolado por parte do goberno municipal e agora este intento de impedirnos o acceso á información fainos ter unha preocupación maior sobre o disparado que pode estar ese gasto”. Vizoso sostén que fiscalizan “cada céntimo e cada decisión que toma este goberno; este negarnos o acceso ás contas para que non poidamos analizar as cifras non vai quedar así. Temos un compromiso coa veciñanza de Ribadeo e imos cumprilo”.

Deste xeito, volverán solicitar a información “cantas veces sexa necesario e estamos estudando as medidas concretas a tomar para evitar o ocultismo. Acudiremos ao Valedor do Pobo e ao resto de instancias xurídicas se é necesario. Porque as institucións son de todos; os tempos escuros xa vai tempo que marcharon, e se teñen algo que ocultar imos sacalo á luz”.

0.19044709205627