O BNG de Ribadeo denuncia o abandono das pistas municipais de Remourelle

O BNG de Ribadeo volveu denunciar publicamente o estado cada vez máis preocupante no que se atopan varias pistas municipais da parroquia de Remourelle, unha situación que, segundo lembran, xa fora posta en coñecemento do goberno local no mes de maio de 2025 sen que, até o de agora, se adoptase ningunha medida para corrixila.
Desde o grupo municipal nacionalista explican que o deterioro destas vías está directamente relacionado co paso continuado de maquinaria e vehículos de gran tonelaxe, unha circunstancia que provocou un desgaste acelerado do firme. Lonxe de acometerse actuacións de mantemento ou reparación, aseguran que o paso do tempo agravou o problema, ata o punto de que as pistas presentan actualmente fochancas de gran profundidade e tramos practicamente intransitables.
O concelleiro do BNG Marcos Villamil critica a ausencia total de resposta por parte do executivo municipal e sinala que “estamos ante unha situación coñecida desde hai meses, advertida tanto polo BNG como pola propia veciñanza, fronte á que o goberno local non foi capaz de facer absolutamente nada”. Na súa opinión, esta falta de actuación supón unha mostra clara de deixadez, cuxas consecuencias recaen directamente sobre as persoas residentes na zona.
Villamil engade que “o estado destas pistas é hoxe claramente peor que en maio de 2025, o que evidencia que non só non existiu vontade política para solucionar o problema, senón que nin sequera se aplicaron medidas mínimas de mantemento”. Para o edil nacionalista, esta situación exemplifica “a incapacidade do goberno municipal para atender as necesidades básicas do rural ribadense”.
Desde o BNG de Ribadeo reiteran a urxencia de levar a cabo unha actuación inmediata que permita recuperar estas pistas municipais e garantir a seguridade e o uso normal das mesmas. Así mesmo, advirten de que continuarán denunciando publicamente esta situación ata que o Concello asuma as súas responsabilidades e dea unha resposta definitiva ás demandas da veciñanza de Remourelle.